Urxencias Sanitarias de Galicia-061 abre as súas portas a asociacións de pacientes na Semana da Administración Aberta

Á visita, que recorreu a Central de Coordinación e amosou o funcionamento dunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, asistiron membros da Asociación de Enfermos de Glicoxenose, Asociación Diabética Auria e Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

A directora do 061 de Galicia subliñou a importancia dos programas específicos para patoloxías crónicas de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que axilizan a identificación temperá dos pacientes e a aplicación inmediata do protocolo asistencial, entre os que se atopa o programa Alerta Escolar con preto de 7.800 nenos inscritos

A Estrada, 23 de marzo de 2023 A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acolle hoxe unha Xornada de Portas Abertas para asociacións de pacientes, con patoloxías crónicas susceptibles de descompensarse e causar risco vital, con motivo da celebración da Semana da Administración Aberta. Este acto, que se celebra a nivel mundial, ten lugar en 76 países e implica a máis de 150 gobernos nacionais e rexionais. 

A Semana da Administración Aberta constitúe unha iniciativa impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) co obxectivo de achegar as administracións públicas á cidadanía. Trata de dar a coñecer os principios nos que se sustenta o Goberno Aberto, é dicir, a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

Neste ano 2023, desde a Consellería de Facenda e Administración Pública decidiuse organizar unha Xornada de Portas Abertas na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para achegar á cidadanía o funcionamento do servizo sanitario máis valorado polos seus usuarios na Comunidade Autónoma. Na visita participaron 22 persoas, membros da Asociación de Enfermos de Glicoxenose, Asociación Diabética Auria e Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas.

Visita á Central de Coordinación

A directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, presentou as principais liñas de actuación do servizo público de urxencias sanitarias extrahospitalarias, así como os proxectos máis inmediatos. A xornada continuou cunha visita á Central de Coordinación, desde onde se xestiona a demanda sanitaria da Comunidade Autónoma, e a unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado na que persoal sanitario do 061 explicou como desenvolven a súa actividade diaria. Para finalizar, solicitouse aos participantes que encheran unha enquisa sobre a visita e así coñecer as inquedanzas e as suxestións directas da cidadanía como unha oportunidade da mellora cara á prestación dos servizos públicos. 

Programas asistenciais

Adriana Regueira subliñou a importancia dos programas específicos para patoloxías crónicas de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que tratan de axilizar a asistencia sanitaria mediante a identificación temperá dos pacientes e da enfermidade que padecen e a aplicación inmediata do protocolo requirido. Entre eles atópase o programa Alerta Escolar que conta con 7.789 nenos inscritos, dos que o 50% son alérxicos, o 29% sofren epilepsia, o 10% son diabéticos e o 11% restante sofren outras patoloxías.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023