A Xunta dota a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña con tendas de campaña de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior e os delegados territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol participaron na entrega das dotacións

Os municipios beneficiarios na provincia foron Malpica, Betanzos, Boiro, Narón, Cabanas, Carnota, Dumbría e Fisterra

No conxunto da Comunidade distribúense unha trintena de tendas destas características, que supuxeron un investimento de máis de 93.600 €

Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, dotada con 1 M€

A Coruña, 24 de marzo de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado dos delegados territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Gonzalo Trenor e Martina Aneiros, respectivamente, participaron hoxe na entrega de tendas de campaña de emerxencias destinadas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia da Coruña. En concreto, beneficiáronse destas dotacións as agrupacións dos concellos de Malpica, Betanzos, Boiro, Narón, Cabanas, Carnota, Dumbría e Fisterra.

No conxunto da Comunidade reciben este tipo de material unha trintena de municipios, o que supuxo un investimento de máis de 93.600 euros. Así, ademais das oito AVPC da provincia da Coruña, tamén contan con cadansúa tenda de emerxencias nove agrupacións da provincia de Lugo - Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Meira, Palas de Rei, Portomarín, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober - ; outras nove en Ourense -Avión, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo de Miño, Celanova, Melón, San Xoán de Río, Sarreaus e Vilardevós- e 4 en Pontevedra -Agolada, Moraña, Portas e Vila de Cruces-.

As tendas de campaña están habilitadas para ser despregadas en situacións de emerxencia e que ofrecen ademais facilidades para o seu transporte, montaxe e desmontaxe.

Este material enmárcase na liña de axudas do ano pasado dotada con case 1 M€ e destinada á adquisición de equipamentos para mellorar o equipamento de agrupacións de 122 concellos galegos e a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre o material cedido inclúense xunto coas tendas de campaña para emerxencias como as catro entregadas hoxe, 8 vehículos todocamiño, 8 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas, e máis dun cento de desfibriladores.

A Xunta mantén o compromiso coas 234 agrupacións da Comunidade tanto a través desta orde para reforzar o seu equipamento como nas subvencións anuais destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 340.000 euros e que supuxo nos últimos anos achegas por riba dos 4 M€.

O director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento.

No que respecta á dotación de material, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a máis de 24 M€, dos que 15 M€ corresponden aos recursos cedidos ás AVPC.  

Santiago Villanueva lembrou que este compromiso se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 M€ á dotación do equipamento necesario. Nesta liña, incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia.

Co obxectivo de contar con profesionais ben formados e preparados, tamén puxo en valor o traballo levado a cabo desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a formación dos efectivos de emerxencias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023