Máis de 200 persoas participan nunha actividade formativa na Agasp sobre como actuar ante fallos de seguridade e posibles ataques informáticos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou na inauguración desta ‘I Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade’ a importancia de que as forzas e corpos de seguridade e do ámbito da xustiza conten coas ferramentas necesarias para facer fronte a ás ameazas cibernéticas cada vez máis sofisticadas

A xornada celébrase hoxe de maneira presencial na Academia e ten unha duración de 8 horas

A Estrada (Pontevedra), 28 de marzo de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na inauguración da  I Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade que acolle hoxe a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) de xeito presencial e cunha duración de 8 horas. Participan máis de 200 persoas, entre as que se atopan efectivos das forzas e corpos de seguridade -Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil- e persoal da xudicatura, do Ministerio Fiscal e profesionais dedicados a dar resposta ante incidentes, investigación ou a análise forense de equipos informáticos.

Santiago Villanueva puxo en valor a importancia de contar con profesionais ben formados e preparados no eido da seguridade pública e que actualicen os coñecementos e as ferramentas necesarias para loitar contra os delitos informáticos que cada vez teñen máis presenza no traballo diario das forzas e corpos de seguridade e tamén dos traballadores da Administración da Xustiza. Ademais, incidiu en que é necesario saber como actuar para previr as ameazas cibernéticas que avanzan a gran velocidade volvéndose máis sofisticadas.

O DFIR ( (Digital Forensic & Incident Response) que dá título á xornada baséase na análise forense dixital dun equipo informático co obxectivo de detectar a orixe e as causas dun incidente ou fallos de seguridade que de forma proactiva permitirá previr posibles ataques informáticos.

Entre os contidos que se abordan hoxe inclúense cuestións tan importantes como a proba electrónica na fase de instrución, a importancia da cooperación internacional transfronteiriza e a problemática na recompilación das evidencias e as súas implicacións con actores internacionais. Tamén se trata a xestión de incidentes e as súas consecuencias a través das últimas tendencias, facendo fincapé na loita contra os adversarios e o secuestro de datos e dispositivos.

Na xornada participan como relatores o enxeñeiro de telecomunicacións e hacker ético Bernardo Viqueira, coñecido por reportar fallos de ciberseguridade; o maxistrado titular do xulgado de instrución número 4 de Vigo, Juan Carlos Carballal; Antonio Roma, fiscal da Coruña especializado no ámbito internacional; o consultor e exdirector do Centro de Ciberintelixencia para Europa Central de Deloitte en Budapest, Artur Monteiro; e Víctor Salgado, avogado especializado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e en cibercriminalidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023