A Xunta apoia a ampliación e acondicionamento do local da asociación de veciños Nosos Aires da Riba

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes Diego Calvo, visitou os traballos realizados ao abeiro do plan específico de acción comunitaria

A Xunta mantén este ano o orzamento de 3 M€ para apoiar os proxectos de reforma e ampliación de locais sociais de entidades veciñais e de mulleres rurais e de traídas de augas de comunidades de usuarios de augas, así como a dotación de equipamento necesario co que poidan desenvolver as súas actividades

Na convocatoria deste ano recibíronse máis de 750 solicitudes e na do ano pasado resultaron beneficiarias 224 organizacións, 17 delas na provincia da Coruña

A Baña (A Coruña), 28 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o local social da asociación de veciños Nosos Aires da Riba da Baña para comprobar os traballos de ampliación e acondicionamento do seu local social.

A entidade veciñal resultou beneficiaria con 12.000 euros das axudas anuais da Xunta destinadas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e a comunidades de usuarios de augas, ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria. Esta liña estivo dotada con 3 M€ destinados tanto a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e nas instalacións das traídas de augas comunitarias, como á adquisición de equipamento como mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos específicos.

O vicepresidente segundo puxo en valor o importante labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol da dinamización da vida social e incidiu na necesidade de que conten con espazos axeitados para o desenvolvemento das súas actividades. Así, lembrou que o obxectivo destas subvencións é mellorar a calidade de vida local, tendo en conta que os colectivos beneficiarios son as entidades máis próximas á cidadanía á hora de atender e canalizar as súas demandas.

No caso da asociación de veciños Nosos Aires da Riba actuouse nas cimentacións, na estrutura ou no peche das fachadas para gañar superficie coa zona ampliada, ademais de colocar as fiestras e portas e o pavimento dos aseos, proceder ao pintado das paredes mantendo a harmonía co edificio principal e á montaxe un falso teito. Os traballos incluíron a instalación dunha bomba para a captación de auga e melloras no saneamento, no sistema eléctrico e no alumeado. 

O Goberno galego destinou o pasado ano máis de 216.600 euros ao apoio de entidades veciñais na provincia da Coruña, que se distribuíron entre 17 entidades. En toda Galicia, os 3 M€ da convocatoria de 2022 permitiu colaborar nos proxectos de 224 asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.

Neste 2023 mantense o investimento de 3 M€ e, segundo explicou Diego Calvo, a Xunta xa está a analizar as máis de 750 solicitudes recibidas. Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido nas subvencións do Plan específico preto de 16 M€ cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023