Juan José González Rivas, novo membro de honra de Iurisgama

Compartir
  • whatsapp

Madrid, 29 de marzo de 2023 A delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, foi o escenario onde a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) entregou o nomeamento de Membro de Honra concedida ao Presidente Emérito do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas.

Asistiron ao acto parlamentarios, membros de Iurisgama e membros e directivos doutras asociacións de profesionais galegas en Madrid, como Asomega e Aegama.

O secretario de Iurisgama, Jesús Gómez Montero, leu a acta da asemblea xeral, na que por unanimidade tomou o acordo deste nomeamento.

No acto tamén participaron Carlos Lema Devesa, Presidente de Iurisgama; o Presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano López.

Nas súas palabras, o director da Casa de Galicia sinalou que "Juan José González Rivas é un home que fuxe da derrota e do fatalismo, e é incapaz de vivir baixo a indignidade das circunstancias”.

Na súa quenda de intervención, Carlos Lema, presidente de Iurisgama, falou da faceta profesional do novo membro de honra, da que destacou a súa profesionalidade e extensa carreira no ámbito xurídico, destacando no persoal pola súa sinxeleza e a súa calidade humana".

González Rivas recibiu a placa que o distingue como membro de honra de Iurisgama, e manifestou o seu “agradecemento de corazón”, polo recoñecemento de Iurisgama, á que agradeceu o gran labor que realiza en Madrid desde a súa fundación, e que “nos mantén vinculados a Galicia”. No seu discurso tivo palabras para a súa esposa Gloria, presente no acto, e aos seus fillos, “que de forma libre decidiron dedicarse ao ámbito xurídico”.

A clausura correu a cargo do Presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, quen fixo un breve resumo da ampla traxectoria dos intervenientes, “exemplos do nivel destes actos que acolle a Casa de Galicia en Madrid”. As notas do himno galego puxeron punto final ao emotivo evento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/03/2023