A Xunta e a Deputación de Ourense aproban a memoria económica que avala a xestión directa nos catro parques de bombeiros do consorcio provincial

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou no pleno extraordinario no que se abordou o documento elaborado pola comisión de estudo técnico-xurídico que agora sae a exposición pública

Ourense, 29 de marzo de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto co presidente do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, Pablo Pérez, na reunión do pleno extraordinario para abordar a memoria aprobada pola comisión de estudo técnico-xurídica encargada de levar a cabo os trámites para implantar un modelo de xestión directa nos catro parques de bombeiros deste consorcio. Á reunión tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

A memoria económica que xustifica o paso a xestión directa dos parques de bombeiros de O Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras expoñerase durante 30 días ao público para observacións dos particulares e entidades.

Cómpre aclarar que o cambio de xestión inclúe a subrogación dos 75 efectivos que forman o persoal operativo con carácter de fixo.

O proceso continuará agora os pasos correspondentes antes da aprobación definitiva do novo modelo nun pleno ordinario do Consorcio. 

A Xunta apoia a implantación do modelo de xestión directa nos parques de bombeiros da provincia, toda vez que se conclúe que a prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que a mesma non supoña un aumento de costes en dita prestación e garanta os dereitos dos traballadores existentes, así como que  non implique maiores aportacións económicas para o Goberno galego.

A Administración autonómica estableceu xa en 2016 unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais co obxectivo de ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para toda a cidadanía con independencia do seu lugar de residencia. Unha vez culminados os trámites en Ourense os consorcios de bombeiros e salvamento de todas as provincias funcionarán con xestión directa. 

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da Comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos -Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)- tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023