A Xunta inviste preto dun millón de euros no IES de Elviña para renovar da cuberta, reparar as fachadas e para a cubrición do campo de fútbol

O delegado da Xunta visitou o centro para anunciar a licitación por máis de 440.000 euros dunha nova actuación para cubrir o campo de fútbol para o uso de toda a comunidade educativa
 

O representante do Goberno autonómico lembrou que neste centro tamén se está levando unha actuación de máis de 510.000 euros para a substitución da cuberta, a impermeabilización de terrazas interiores, a reparación das fachadas exteriores e a modernización das aulas
 

A Coruña, 30 de marzo de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o IES de Elviña para anunciar un investimento de máis de 440.000 euros para levar a cabo a cubrición da pista de fútbol para contar cunha pista polideportiva cuberta para o uso de toda a comunidade educativa dando así resposta á demanda do equipo directivo do centro para optimizar o uso dos espazos disponibles.

Trenor lembrou que neste centro tamén se están levando unha actuación de máis de 510.000 euros para a substitución da cuberta do tellado, a impermeabilización de terrazas interiores e a reparación das fachadas exteriores. En paralelo estase levando a cabo unha habilitación de espazos docentes no interior e modernización das aulas existentes.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”.  Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto á obra prevista consistirá na realización dunha pista cuberta para un maior aproveitamento dos espazos exteriores do centro en todo tipo de condicións meteorolóxicas na zona da parcela onde actualmente existe unha pista de fútbol sen cubrir. Este volume constará dunha estrutura prefabricada de formigón e un revestimento vertical de chapa galvanizada perforada, que resgarde, pero ao mesmo tempo permita o paso da luz. A cuberta, de panel sandwich, terá unhas dimensións de 44.,0x23,40 m. Será preciso a realización dunha cimentación semiprofunda realizada con pozos de cimentación. Prevese tamén acondicionamento do pavimento baixo a nova cuberta.

 

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos. 

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023