Galicia pecha 2022 cunha ratio débeda/PIB 1,3 puntos inferior á de hai un ano

A ratio débeda/PIB de Galicia baixou o ano pasado ata o 17,2% do PIB

Galicia pechou o exercicio cun diferencial de débeda coa media autonómica de 6,7 puntos

Cada galego debe 2.232 euros menos que a media autonómica
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

Galicia pechou o ano 2022 cunha ratio débeda/PIB 1,3 puntos inferior á hai un ano, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao cuarto trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.

En concreto, a ratio débeda/PIB de Galicia baixou ata o 17,2%, en niveis prepandemia, fronte ao dato do 18,5% do peche do ano 2021.

Cómpre salientar que cos datos a peche de exercicio, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica que é 6,7 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se sitúa en 23,9%.

Ademais, Galicia segue a senda da redución do endebedamento, cunha redución de 2,5 puntos nos últimos dous anos, logo do incremento dos niveis para facer fronte á emerxencia motivada pola pandemia e á grande crise de 2008.

A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.447 euros fronte aos 6.679 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.232 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda

O Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para poder pasar da reactivación á recuperación.

Data de actualización: 31/03/2023