O Nodo Galego de Ciberseguridade e o Portal de Transparencia da Xunta reciben os premios ‘Socinfo Digital’

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inaugurou esta mañá a xornada “Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation” organizada pola revista ‘Sociedad de la Información Digital’

A colaboración da Xunta coas entidades locais para a capacitación dixital da cidadanía na rede CeMIT e no Marco Galego de Competencias Dixitais centrou unha das conferencias da xornada
 

Santiago de Compostela 20 de abril de 2023

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e o Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia recibiron esta mañá os premios ‘Socinfo Digital, Galicia TIC” nas categorías de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, respectivamente. 

Estes premios están organizados pola revista Sociedad de la Información Digital (Socinfo Digital), e foron entregados durante a xornada sobre “Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation” que tivo lugar na sede de A-Fundación en Santiago de Compostela. 

A xornada foi inaugurada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, que destacou que a Xunta ten xa en marcha cerca do 90% dos proxectos correspondentes ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) xestionados por esta Axencia. 

Destacou, neste sentido, que un total de 93 millóns de euros corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados. Estas iniciativas están englobadas en 26 liñas de actuación enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030. 

Premios ‘Socinfo Digital’

O premio na categoría de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, concedido ao nodo CIBER.gal, foi recollido polo xefe da Subárea de Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva en presencia, como representación do sector privado, do presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral. 

Tras recoller o premio, Herva referiuse ao carácter pioneiro do Nodo e agradeceu a vinculación e colaboración do INCIBE, o CCN, a Fegamp e as catro deputacións provinciais galegas, así como “a todas as entidades públicas e privadas que se adheriron a este espazo, poñendo á súa disposición os seus recursos e cooperando na execución das súas accións”. En concreto, son máis de 50 entidades adheridas. 

Pola súa banda, o premio de Goberno Aberto foi recollido polo director xeral de Simplificación Administrativa da Consellería de Facenda, Jesús Oitavén, que subliñou que o Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta contén máis de 2.256 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 6.857 documentos, e cuxos contidos poden ser interpretados por un sistema de voz de contido. 

Así mesmo, a información solicitada polos cidadáns é de moi distinta natureza, comprendendo áreas temáticas relacionadas coa ordenación do territorio e do medio ambiente, coa contratación pública, información en materia de persoal ou información de relevancia xurídica, entre outras. 

Capacitación dixital da cidadanía

Na xornada tamén participou o director da Área de Sociedade Dixital da Axencia, Miguel Rodríguez, que pronunciou unha conferencia na que se referiu á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades locais para “dotar ao conxunto da cidadanía da capacidade necesaria para desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital e reducir a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas. 

En canto ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, o director de Sociedade Dixital da Axencia destacou que “define os coñecementos, capacidades e aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais en todos os ámbitos sociais e é o soporte sobre o que se asenta a súa certificación e acreditación”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023