A Xunta defende o coñecemento da normativa como garantía para previr riscos operativos e legais

O director xeral de Xustiza e o director do Instituto Galego de Promoción Económica participaron no IV Congreso Galego de Compliance organizado pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña co apoio do Goberno galego

A Coruña, 1 de xuño de 2023

A Xunta defende o coñecemento da normativa como mellor garantía para previr os riscos operativos e legais nas organizacións, segundo destacou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, na apertura do IV Congreso Galego de Compliance. O evento organizado pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña contou tamén coa participación do director do Instituto Galego de Promoción Económica, Fernando Guldrís, quen interveu na clausura.

 

Para Tronchoni, os procedementos e boas prácticas adoptados para a prevención de riscos operativos e legais son xa imprescindibles na estratexia e estrutura interna das organizacións, o que require de profesionais cualificados e integrados no proxecto global. Nesta liña referiuse ao compromiso da Xunta coa divulgación e a formación a prol do coñecemento e a profesionalización no eido xurídico, co apoio a encontros como o congreso desenvolvido hoxe.

 

O director xeral incidiu tamén no esforzo do Goberno galego para garantir unha Administración de Xustiza moderna, áxil e dixital, con medidas para darlle resposta á constante evolución normativa, aos avances tecnolóxicos e ás peculiaridades de cada territorio. Así, destacou a dotación de novas infraestruturas, a posta en marcha a comezos de cada ano das unidades xudiciais concedidas polo Ministerio de Xustiza ou ao plan de dixitalización.

Pola súa banda, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, puxo en valor a importancia do cumprimento legal e normativo como “clave” para que as empresas melloren a súa reputación e competitividade.

 

O director do Igape sinalou que “Galicia ten sido pioneira na promoción do cumprimento normativo”, e fixo especial fincapé no programa ReAcciona, que permite “acompañar e axudar, reducindo o nivel de risco en determinados ámbitos de actuación do día a día das nosas empresas”.

 

Neste sentido, expuxo Guldrís, co apoio de expertos, o ReAcciona persegue a profesionalización das empresas e a colaboración público-privada, actuando en ámbitos diversos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización ou a innovación a través de servizos de alto valor engadido que abranguen distintos campos entre os que figura a análise do cumprimento normativo e dos riscos legais aos que se expoñen as compañías.

 

Así mesmo, proseguiu o director, o Igape ten asinado un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia que ten por obxecto realizar accións formativas e de difusión en materia de Compliance, como apoio á mellora da competitividade actual e futura das pequenas e medianas empresas radicadas en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023