O delegado territorial participou na presentación do Festival Mundial de Ilusionismo que este domingo arranca nunha praza pontevedresa

O Festival ten programadas varias actuacións abertas ao público que son posibles grazas ao patrocinio da Xunta.

Cinco dos mellores ilusionistas do mundo pasarán por Pontevedra para ofrecer un espectáculo de primeiro nivel

Está prevista unha actuación na planta pediátrica do Hospital Montecelo
 

Pontevedra, 7 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na presentación do Festival Mundial de Ilusionismo – Galicia Ilusiona, un evento que traerá a Galicia a algúns dos mellores ilusionistas do mundo e que a Xunta patrocina para que todos poidan gozar dos seus espectáculos.

O acto de presentación tivo lugar na sede de Afundación Abanca de Pontevedra, onde os directores do Festival, Pedro Burgarín e Dani Polo expuxeron a programación deste ano que arrancará este domingo cunha actuación pública na Praza de Ourense de Pontevedra.

Así, o Festival dividirase entre os grandes espectáculos nas principais cidades galegas e os shows gratuítos e abertos ao público que son posibles grazas ao apoio da Xunta de Galicia. No caso de Pontevedra, este espectáculo chegará nunha caravana que baixo o título “Maxia Itinerante” ofrecerá actuacións de balde de vinte minutos para audiencias moi reducidas.

Durante a súa intervención, o delegado territorial quixo destacar a vertente social desta iniciativa, que o ano pasado acadou máis de 50.000 espectadores, e que nesta edición ten planeada unha actuación na planta de pediatría do Hospital Montecelo para que todos os nenos e nenas poidan gozar dunha xornada máxica. Ademais, amosou o total apoio da Xunta, que “está decidida a seguir patrocinando e apoiando en todo o posible esta iniciativa que xa destaca polo seu éxito e que esperamos que en non moito tempo se converta nun referente internacional no mundo do ilusionismo”.

As entradas para o gran espectáculo que terá lugar en Pontevedra o día 14 de outubro están practicamente esgotadas. O Festival conta con dez artistas que forman parte da elite de mellores ilusionistas do mundo, un deles galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2023