A delegación territorial da Xunta inaugura unha exposición en homenaxe aos irmáns Coira dentro da 45ª semana de cine de Lugo

Lugo, 19 de setembro de 2023

A Delegación Territorial da Xunta inaugurou hoxe a exposición O cinema dos Irmáns Coira, adicada a Pepe e Jorge Coira dentro dos actos de recoñecemento que lles brinda a 45ª Semana de Cine de Lugo. Ademais da apertura da mostra, formada por seis paneis que repasan a súa traxectoria; presentouse un libro homenaxe e proxectáronse os dous primeiros títulos do ciclo Retrospectiva Irmáns Coira: Eloxio da Distancia e 18 Comidas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participaron no acto, que contou coa presenza de Pepe Coira; do director da Semana de Cine, Manuel Curiel; e de Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador deste certame audiovisual.

García destacou que a Delegación da Xunta en Lugo é a primeira en acoller unha sala de cine como a que poderemos desfrutar estes días no seu auditorio. A exposición estará na entrada do edificio da Xunta ata o venres, cando pasará á Biblioteca Pública de Lugo, onde poderá visitarse ata o 4 de outubro.

Así mesmo, nos vindeiros días continuarán no Salón de Actos da Delegación Territorial   as proxeccións do ciclo adicado aos irmáns Coira. Mañá -mércores 20 – proxectarase o documental A Seara (18.00) e o filme Eroski Paraíso (20.00 horas); e o xoves 21 Beiras, vivir 2 veces (18.00 horas) e Código Emperador (20.00 horas). A Semana de Cine de Lugo, que conta co apoio da Administración galega, inclúe 135 títulos repartidos en varias seccións que poden verse estes días en cinco espazos da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023