A Xunta e a Asociación Galega de Dereito Colaborativo acordan avanzar en novas vías de resolución alternativa de conflitos no eido xudicial

O Goberno galego e o colectivo traballarán na posta en marcha dun programa piloto coa implicación dos distintos operadores xurídicos, no marco da aposta por impulsar a colaboración entre a Administración e os profesionais

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou hoxe coa Asociación Galega de Dereito Colaborativo (Agadeco) a importancia da resolución alternativa de conflitos no eido xudicial e a necesidade de explorar novas vías que se sumen á mediación intraxudicial ou á arbitraxe. Nesta liña, acordou coas presidenta e vicepresidenta da entidade, Ana Sarabia e Cristina Torrado, traballar na posta en marcha dun programa piloto coa implicación dos distintos operadores xurídicos, en liña coa aposta da Xunta por impulsar a colaboración entre Administración e profesionais.

Para o director xeral, o dereito colaborativo que representa Agadeco súmase á mediación e á arbitraxe como método axeitado para a xestión de conflitos. Baseado na escoita e indagando nas necesidades e intereses das partes, é ademais un proceso flexible, que se adapta a cada caso co acompañamento dos profesionais precisos a prol dunha negociación en equipo para un acordo satisfactorio e durareiro.

Tronchoni lembrou que o Goberno galego aposta desde 2009 por facilitar á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias á marxe da vía xudicial. Para acadar este obxectivo -explicou- é fundamental a coordinación entre institucións, así como o compromiso que nestes anos adquiriron neste ámbito profesionais da Administración de xustiza como membros da carreira xudicial, fiscais, letrados, avogados e procuradores.

Deste xeito, a Xunta implantou nos últimos anos a mediación intraxudicial familiar en todas as cidades galegas, así como outros proxectos de mediación no ámbito civil e mercantil e no ámbito penal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023