A Xunta lanza unha guía para garantir o benestar emocional nos centros de ensino

Asegura que coidar o benestar e a saúde mental dos alumnos “é un obxectivo prioritario para a Xunta”

Dáse un novo pulo ao Plan de benestar emocional co deseño desta guía que amplía e actualiza as medidas a seguir para “adaptalas a realidade pospandemia”

Resalta que o Goberno galego destina este curso máis de 3,3 M€ a accións para garantir e mellorar a convivencia e o benestar dos alumnos

Refórzase a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, que se dobra en tan só dous cursos e pasa de 32 a 71 docentes

Os contratos-programa centrados neste ámbito chegaron o curso pasado a 535 centros, un 24 % máis ca no ano anterior

No marco do Plan Proxecta desenvólvense iniciativas de benestar en 167 centros e outros 87 forman parte da rede de centros ‘Educación responsable’
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a publicación da Guía para o desenvolvemento do Plan de Benestar Emociona que vai estar a disposición de toda a comunidade educativa e que ten por obxectivo “avanzar na prevención e na identificación de situacións que poidan causar malestar emocional” no ensino. Nesta liña, o titular do Goberno galego asegurou que “coidar o benestar e a saúde mental” dos alumnos “é un obxectivo prioritario para a Xunta”.

De feito, Rueda resaltou que a Administración autonómica destina este curso “máis de 3,3 M€” para desenvolver unha decena de accións co fin de garantir e mellorar o benestar emocional nos centros de ensino. Todas elas están enmarcadas na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, que ten entre as súas liñas de actuación a mellora do benestar emocional e os hábitos de vida saudable.

Cómpre salientar que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Univeresidades traballa desde a perspectiva da sensibilización, da prevención e da formación con accións encamiñadas a previr e identificar situacións neste ámbito. Isto contribúe á xestión ou derivación dos casos ao sistema de saúde, para o cal se conta co apoio e a colaboración da Consellería de Sanidade.

O Plan de benestar emocional continúa a ser a folla de ruta de cabeceira das accións neste ámbito. Publicado no 2021 co obxectivo de acompañar a comunidade educativa neste reto durante a crise sanitaria, terá este ano un novo pulo coa publicación da Guía para o desenvolvemento do plan de benestar emocional, que tal e como explicou Rueda, amplía e “actualiza as medidas incluídas neste Plan para adaptadas a realidade pospandemia”. Con este novo documento favorécese, ademais, que as persoas que integran a comunidade educativa adquiran as habilidades necesarias para acadar un bo estado de benestar emocional.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deseñou esta guía para facilitar aos centros educativos, con indicacións prácticas e sinxelas, a aplicación das diferentes medidas incluídas no plan. “Inclúe exemplos prácticos de posibles situacións que poden darse nas aulas” para saber como actuar e revolvelas, indicou Rueda. Para iso ofreceranse estratexias de fortalecemento, aprendizaxe e resolución. Estas estratexias están orientadas a desenvolver as competencias emocionais necesarias para intentar resolver as situacións suxeridas. As propostas poderanse desenvolver a nivel grupal ou individual.

Este recurso estará a disposición dos centros e diríxese a toda a comunidade educativa. As actuacións poderá desenvolvelas o profesorado, en colaboración co Departamento de Orientación. Ademais, a persoa responsable da convivencia e do benestar do alumnado dinamizará e acompañará o desenvolvemento do plan.

Medra o acompañamento e os contratos-programa

Ademais do devandito plan, a Xunta de Galicia está a desenvolver unha decena de accións para promover o benestar emocional no ámbito educativo. Neste marco, este curso van funcionar un total de 71 unidades de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia noutros tantos centros, máis do dobre ca no curso 2021/22, que dan cobertura a todos os centros educativos de Galicia. Cada unha destas unidades está dotada co apoio dun docente para o desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado especialmente vulnerable, así como das súas familias.

No que atinxe aos contratos-programa, volverán funcionar este ano, tras o éxito do curso pasado. A modalidade específica para este ámbito, Emociónate-T, chegou o pasado curso a 353 centros, un 24 % máis ca no precedente. Ao seu abeiro desenvólvense accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, así como o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima, a empatía e a resiliencia, a mellora das habilidades comunicativas, o incremento do autocontrol emocional, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias.

Formación do profesorado

Así mesmo, a Consellería está a desenvolver a figura da persoa coordinadora de benestar e convivencia ou o impulso das comisións provinciais e autonómica de seguimento de benestar e da convivencia nos centros educativos.

De xeito parello, e a través do Plan de formación do profesorado, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrece aos docentes formación específica no ámbito do benestar. Así mesmo, convócanse os centros anualmente para participar en diferentes programas neste eido, en colaboración con outras entidades, como Educación Responsable, de cuxa rede forman parte 87 centros, ou o Programa de prevención para educación secundaria YAM (Youth Aware of Mental Health) a cargo da Consellería de Sanidade coa colaboración de Educación. Ademais, no marco do Plan Proxecta desenvolveron iniciativas de benestar 167 centros o curso pasado.

 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023