A Xunta destaca a importancia de que se cumpran os prazos para a dotación de internet de altas prestacións ao rural galego

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participou en Fisterra na presentación da tecnoloxía 50G-PON por parte da empresa galega Rede Aberta

Os obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 de estender no territorio tecnoloxías innovadoras como a intelixencia artificial dependen da configuración dun territorio conectado

Fisterra (A Coruña), 29 de setembro de 2023 O logro do obxectivo establecido pola UE de que o 100 % da poboación dispoña de acceso a internet de, ao menos, 100 Mbps en 2025, é esencial para que a Xunta poida desenvolver a Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou hoxe, en Fisterra, a importancia de que o Estado, no marco do programa ÚNICO, cumpra ese prazo, sobre todo, nos ámbitos rurais.

Julián Cerviño participou hoxe, no faro de Fisterra, na presentación por parte da empresa galega Rede Aberta da tecnoloxía 50G-PON, que permite a dotación de internet de altas prestacións a zonas que presentan dificultades especiais para o despregamento de banda larga.

Durante a súa intervención, o director da Axencia autonómica lembrou que o despregamento de redes de telecomunicacións en Galicia debe ter en conta as singularidades territoriais. Referiuse, en concreto, ao alto nivel de dispersión nunha Comunidade que concentra máis da metade dos núcleos de poboación de toda España; así como aos retos relacionados coas dificultades de acceso a determinadas zonas.

Dispoñer dun territorio plenamente conectado con infraestruturas de calidade é un paso imprescindible para os obxectivos da EGD2030 de configurar un territorio intelixente a partir do uso de tecnoloxías innovadoras en ámbitos como os sectores primarios, as infraestruturas e a calidade de vida no rural ou a mobilidade e transporte.

Cerviño fixo un repaso dos resultados das dúas axendas dixitais que desenvolveu a Xunta entre 2009 e 2020, como a posta en marcha de dous plans de banda larga, a extensión da telefonía móbil ou o plan 5G. A principios desta década, o 95,20 % da poboación tiña acceso a banda larga de, ao menos, 30 Mbps, e o 98 % da poboación tiña acceso a telefonía móbil. Nestes momentos, a universalización, actualización e mellora destes servizos dependen do programa ÚNICO que desenvolve o Goberno do Estado.

O director da Axencia galega referiuse ao grao de madurez dixital alcanzado por Galicia coa aplicación desas dúas axendas que se reflicte no índice de preparación tecnolóxica do Informe sobre Competitividade Rexional elaborado pola Comisión Europea. Este estudio sinala que, neste indicador, Galicia está 23,8 puntos por enriba da media das rexións de Europa.

Por último, referiuse á importancia da consolidación de empresas galegas como Rede Aberta, que contribúen a acadar o obxectivo da EGD2030 de especialización tecnolóxica de Galicia a través da creación, retención e atracción de talento dixital e á implantación dun sector TIC sólido e en crecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023