O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, inaugurou hoxe o II Seminario Internacional de Educación Social e II Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social

A Xunta subliña o labor fundamental que teñen os educadores sociais para favorecer a plena inclusión da poboación máis vulnerable

O Goberno galego apoio a concellos e entidades de iniciativa social para que poidan incorporar a profesionais deste ámbito nos seus programas, a través do Plan Concertado e de diferentes liñas de axuda

Este ano destínanse 2,2 millóns de euros a financiar programas de educación e apoio familiar que desenvolvan as corporacións municipais ata 2025
 

Lobios (Ourense), 30 de setembro de 2023

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o labor fundamental dos educadores sociais para favorecer o desenvolvemento pleno e a integración na sociedade das persoas que están a atravesar unha situación complicada. Así o dixo na inauguración do II Seminario Internacional de Educación Social e II Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social que durante esta fin de semana ten lugar no edificio de usos múltiples de Lobios, en Ourense.

Arturo Parrado subliñou o apoio da Xunta de Galicia ás entidades locais e ás de iniciativa social para que poidan incorporar a profesionais da Educación Social nos seus programas e intervencións dirixidas a familias en situación de vulnerabilidade, a menores en risco de desprotección, a poboación inmigrante ou a persoas maiores e dependentes, entre outros colectivos que precisan de axuda.

Neste sentido, o director xeral sinalou que o Executivo autonómico axudou a cofinanciar o ano pasado a incorporación de preto de 70 educadores sociais aos servizos sociais comunitarios dos Concellos a través do Plan Concertado. Así mesmo, apuntou que na convocatoria deste ano, que continúa aberta ata o vindeiro 18 de outubro, destínanse 2,2 millóns de euros para financiar programas de educación e apoio familiar que desenvolvan as corporacións municipais ata 2025. Isto permitirá incrementar as horas que os concellos dedican a estes programas, así como o número de profesionais implicados nos mesmos.

Ademais destas axudas para os concellos, Arturo Parrado apuntou que a Administración autonómica tamén subvenciona distintas liñas de actuacións levadas a cabo por entidades de iniciativa social que, en moitos casos, contan con accións concretas de educación social para persoas en situación de exclusión e que se tentan reforzar en cada convocatoria.

Máis persoal

O director xeral de Inclusión Social trasladou o compromiso de seguir a fomentar e potenciar a educación social nos programas e liñas de intervención nas que participa ou impulsa a Xunta de Galicia. Tamén marcou como obxectivo continuar incrementando a dotación destes profesionais nas convocatorias de axudas da Administración autonómica dirixidas tanto aos concellos como ás entidades de iniciativa social para aquelas actuacións que precisan da intervención de educadores sociais.

Este II Seminario Internacional de Educación Social e II Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social está organizado polo Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia (Ceesga) e reúne a alumnado, profesorado e profesionais de Galicia, País Vasco e Portugal.

Entre os obxectivos deste foro está o de crear dinámicas de relación entre os participantes, así como dar máis visibilidade á profesión. O programa de actividades inclúe conferencias e obradoiros nos que se abordan unha ampla variedade de temas, como a prevención do acoso escolar, a intervención socioeducativa con familias vulnerables, a soidade non desexada ou o papel da educación social nos discursos de odio. Tamén se desenvolve unha feira de organizacións de educación social, actividades culturais e lúdicas de convivencia, e rutas para o descubrimento da riqueza natural da Serra do Xurés.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023