A Xunta sinala o carácter imprescindible da medicina forense na administración de xustiza polo seu labor multidisplicipar e de valoración

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da reunión nacional de directores dos Institutos de Medicina Legal, organizada polo Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe en Santiago na inauguración da reunión nacional de directores dos Institutos de Medicina Legal, organizada polo Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza. No acto, que contou tamén coa presenza da directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, o director xeral sinalou a medicina forense como elemento imprescindible na Administración de Xustiza, tanto polo seu carácter multidisciplinar como pola relevancia do seu labor de valoración.

 

Así, José Tronchoni referiuse á importante función técnica da medicina forense no eido xudicial, coa aplicación de coñecementos de ciencias como a medicina, a bioloxía ou a anatomía para a resolución de problemas que presenta o dereito, “e que mesmo vai máis aló con coñecementos xurídicos, administrativos e éticos”. No carácter clave deste traballo salientou tamén a interpretación dos datos para poñelos en consonancia co conxunto da información e determinar o sucedido.

 

Para o director xeral a transcendencia da profesión forense ao servizo da xustiza require da máxima colaboración por parte das administracións, coa dotación dos recursos que faciliten o desenvolvemento dun traballo “vital para numerosos ámbitos como o da familia, de menores, as persoas con discapacidade ou a violencia de xénero e familiar”.

 

Nesta liña, en Galicia estase a avanzar tanto na dixitalización, coa posta á disposición do expediente dixital para todos os operadores xurídicos, como nas infraestruturas, coa construción dunha nova sede para o Imelga en Compostela ou a instalación na Cidade da Xustiza de Vigo da primeira sala de autopsias en Galicia dotada cos medios tecnolóxicos que lle permiten ter acreditado o nivel de bioseguridade 3. A maiores, formalizáronse acordos co Colexio de Psicoloxía de Galicia e coa Asociación Nacional de Peritaxe Social para reforzar os equipos psicosociais.

 

Tronchoni quixo poñer en valor o traballo do Imelga, que atendeu en 2022 case 25.000 solicitudes de pericias no ámbito da clínica forense “sendo a pericia médica a principal realizada polo Imelga”, apuntou. O director xeral recoñeceu tamén o esforzo dos profesionais da medicina forense, “os máis demandados polos órganos xudiciais e sempre dispoñibles para actuacións urxentes a calquera hora todos os días do ano”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023