A Xunta salienta o labor xurídico realizado polos graduados sociais como motor da xustiza social

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da ‘III Xornada laboralista’, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, que clausurará a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha

Vigo, 10 de outubro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración da III Xornada laboralista, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, onde salientou o labor xurídico realizado por este colectivo profesional como “motor da xustiza social”. A directora xeral de Relacións Laborais, será a encargada de clausurar o encontro.

José Tronchoni referiuse ao valor do diálogo, do pacto e do acordo no traballo diario dos graduados sociais, tanto no eido xudicial, coas conciliacións previas ao xuízo, como no extraxudicial, a través da negociación colectiva ou os convenios colectivos, entre outras responsabilidades.

O director xeral incidiu tamén na importancia da formación continua dos profesionais relacionados coa Administración de Xustiza, ante os continuos cambios lexislativos e xurisprudenciais. José Tronchoni reafirmou o compromiso da Xunta coas iniciativas formativas e divulgativas,  ademais do apoio aos distintos colaboradores xurídicos na súa actuación ante os órganos xudiciais.

Así, o Goberno galego está a impulsar as dotacións tecnolóxicas e as infraestruturas para que os profesionais implicados nos procesos xudiciais poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións ao tempo que se lle ofrece á cidadanía un servizo moderno, áxil e eficiente.

Nesta liña, o director xeral referiuse a aplicacións como Inside, que permite a descarga de expedientes administrativos, ou Acceda, que facilita a achega telemática da documentación. Apuntou ademais que nalgúns xulgados xa é unha realidade a descarga do expediente xudicial dixital e que se está a traballar para que chegue a todos os órganos xudiciais de Galicia. As medidas enmárcanse na aposta da Xunta pola dixitalización na xustiza co Plan Senda 2025, dotado con 43 millóns de euros.  

No eido das infraestruturas, José Tronchoni sinalou o Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con 125 millóns de euros, que está a permitir a construción e mellora das instalacións ao servizo da Administración de Xustiza. Concretamente na provincia de Pontevedra este ano púxose en marcha a Cidade da Xustiza de Vigo, executáronse melloras de eficiencia enerxética nos xulgados de Marín e iniciouse a construción do novo edificio xudicial da Estrada.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, será a encargada de clausurar a xornada.  Cómpre lembrar que a Xunta colabora cos colexios oficiais de graduados sociais desde hai dous anos na posta en marcha dun servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral dirixido a persoas traballadoras e autónomas, co obxectivo de dar respostas ás novidades lexislativas que afectan ás relacións laborais.

Ante o éxito da iniciativa, o Goberno galego reforzará o investimento que destina a este fin, duplicando o orzamento ata os 30.000 euros. Só no primeiro semestre deste ano atendeuse o mesmo número de consultas que en todo o ano 2022, cando sumaron un total de 243.

Data de actualización: 10/10/2023