Rueda anuncia que a Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2024 de 13.257 millóns de euros

Salienta que “é o teito de gasto máis alto da historia da comunidade”, un 5% superior ao orzamento deste exercicio

Lamenta a falta de información do Goberno central sobre as entregas a conta ou o obxectivo de estabilidade orzamentaria, pero aposta por fixar xa este límite para que “Galicia poida seguir funcionando”

O conselleiro de Facenda e Administración Pública asegura, que deste xeito, Galicia aprobará os seus orzamentos “en tempo e forma”

Corgos resalta que será a primeira vez en 16 anos “que nos orzamentos non haxa que recorrer a novo endebedamento”

Actualízase á alza a previsión de crecemento para este ano co que Galicia medrará un 1,8%, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou.

Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.

Por iso, Rueda explicou que a Xunta agardou o máximo posible polos datos que lle debe proporcionar o Goberno central como son as entregas a conta e o obxectivo de estabilidade orzamentaria, pero non pode agardar máis para poder aprobar os orzamentos da comunidade cara 2024 en tempo e forma. “Galicia precisa seguir funcionando”, subliñou o presidente.

Un ano máis, a Xunta cumpriu co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 13.326 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles, a partida máis importante é a dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, que ascende a 10.206 millóns de euros, un 8,6% máis respecto do importe para 2023.

Pola súa banda, en canto aos ingresos finalistas, a previsión é que se incrementen nun 16,6%, ata os 1.693M€, e o apartado doutros recursos non financeiros ascende a 919 millóns. En canto aos recursos extraordinarios, para 2024 o montante do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia volve superar os 500 M€ por segundo ano consecutivo e chega aos 508 M€.

En total, apróbase un teito de gasto non financeiro de 13.257 millóns de euros que está composto por 13.326M€ de ingresos non financeiros cun axuste negativo de contabilidade nacional de 69 millóns de euros. Ademais, tal e como salientou Corgos, “o orzamento de 2024 será o primeiro en 16 anos nos que non será necesario recorrer ao endebedamento”.

Cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta “actualizou á alza pero con prudencia as previsións económicas para o peche de 2023”, indicou Rueda.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance do 1,8% no 2023, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes. En canto á taxa de paro, para este 2023, a Xunta prevé que a media do ano se sitúe por primeira vez desde hai 15 anos por debaixo do 10%, en concreto no 9,8%.

E, para 2024, seguirase a consolidar o crecemento económico, cunha taxa estimada no entorno do 2%, e a taxa de desemprego seguirá baixando, en concreto outras catro décimas, ata o 9,4%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023