A Xunta, a Fegamp e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra condenan o uso da violencia nas protestas dos bombeiros comarcais

Expresan a súa rotunda condena ao uso da violencia nas protestas e instan aos bombeiros a retomar a vía do diálogo para dar solución ás súas demandas

Apuntan que disturbios coma o de onte en Ourense, no que incluso se empregou un lanzachamas, e os incidentes do pasado venres en Pontevedra poñen en serio risco a seguridade das persoas e dos bens públicos e non debería volver a producirse

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia, as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) expresan a súa máis rotunda condena ás manifestacións de violencia que tiveron lugar nos últimos días durante as protestas dos bombeiros comarcais en Pontevedra e Ourense e nas que resultaron feridas varias persoas e se causaron importantes danos materiais.

 

A Xunta de Galicia, as deputacións galegas e a Fegamp entenden que calquera colectivo profesional ten dereito de reclamar melloras laborais, pero consideran inxustificable e inadmisible o uso da violencia nas protestas. Estas administracións galegas destacan tamén a actuación responsable por parte da Policía Nacional.

 

Imaxes como as de onte en Ourense, nas que se viu a rotura de xanelas, o uso de botes de fume e incluso o emprego de lanzachamas na vía pública, ou as de Pontevedra do pasado venres, que ocasionaron danos na fachada do Pazo Provincial, non deberían producirse nunca, xa que poñen en risco a integridade das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos traballadores e traballadoras da Deputación e das persoas que circulan pola rúa.

 

Xunta, deputacións e Fegamp sosteñen que o uso da forza nunca vai dobregar a defensa do interese público e instan aos bombeiros comarcais a retomar o diálogo e a negociación, como única vía posible para chegar a acordos. Consideran que ningunha demanda, por lexítima que sexa, xustifica o uso de episodios violentos como os que tiveron lugar onte fronte á Deputación de Ourense.

Data de actualización: 24/10/2023