A Xunta aborda coa Asociación Galega de Nais e Pais Separados os avances na mediación en asuntos de familia

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, recibiu hoxe a unha representación da Asociación Galega de Nais e Pais Separados liderada polo seu presidente, Abel Lama. No encontro abordouse a situación dos procedementos xudiciais relacionados co ámbito familiar e a importancia da mediación para axilizar estes procesos.

Nesta liña, o director xeral anuncioulles que a Xunta continuará a apostar por esta solución alternativa e complementaria á vía xudicial para a resolución de conflitos cunha partida de 125.000 euros nos orzamentos de 2024. Cómpre lembrar que a Xunta vén traballando desde 2009 neste modelo, de maneira que a mediación intraxudicial familiar xa está implantada en todas as cidades galegas. Ademais, no que se refire aos informes realizados polos equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en materia de familia, José Tronchoni trasladou as medidas de reforzo postas en marcha -horas extraordinarias, aumento de dedicacións e convenios de colaboración con profesionais da psicoloxía e peritaxe- para facer fronte ao incremento da carga de traballo debido a leis estatais. Estas medidas -sinalou- xa están a dar resultados e os prazos sitúanse na media do conxunto do Imelga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023