Arias destaca que 70 negocios lucenses xa se sumaron aos bonos turísticos da Xunta, que poden gastarse ata o 25 de decembro

O delegado territorial de Lugo explica que ata o 1 de decembro poden seguir incorporándose máis establecementos á campaña, que busca manter a boa afluencia de viaxeiros fóra da tempada alta

Lugo, 31 de outubro de 2023

Un total de 70 aloxamentos e axencias de viaxes da provincia de Lugo xa se sumaron á campaña do Bono Turístico da Xunta #DescubreGaliciaenOutono nos primeiros días de prazo. Os negocios que queiran participar aínda poden solicitalo ata o 1 de decembro.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, visitou hoxe un dos establecementos adheridos, A Cabana das Chousas, no Veral (Lugo), onde destacou o interese que volveu espertar esta iniciativa entre os cidadáns galegos, que en tempo récord esgotaron os 10.000 bonos dispoñibles.

Os bonos poden empregarse ata o 25 de decembro en calquera dos negocios adheridos nas catro provincias galegas, que xa son máis de 420. Cada un ten un valor de 100 euros e ofrece descontos do 40% en cada compra ata rematar o saldo.

Arias destacou que o obxectivo é manter a boa afluencia de viaxeiros fóra da tempada alta, en liña con outras campañas da Xunta como o Outono Gastronómico de Turismo Rural, que combina o turismo e a gastronomía. Ata o 17 de decembro, os usuarios poden beneficiarse de promocións nas casas rurais participantes, 22 en Lugo e 79 no conxunto da Comunidade.

“Despois do éxito das anteriores edicións, agardamos que estas experiencias volvan ser un incentivo para atraer viaxeiros á provincia e apoiar ao sector turístico, un dos motores da nosa economía ”, salientou Arias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023