A delegada da Xunta anima á cidadanía viguesa a doar regalos para a campaña solidaria ‘Cada neno un xoguete’

Ana Ortiz participou este xoves na presentación da iniciativa solidaria que xa repartiu 16.000 xogos entre os pequenos vigueses o pasado ano

Vigo, 9 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na presentación da campaña Cada neno un xoguete 2023 que impulsa a Asociación Stop Vigo para levar miles de regalos este Nadal ata as casas dos máis pequenos. Durante o acto celebrado no Centro Comercial Gran Vía, a representante autonómica animou aos vigueses a participar na iniciativa que xa cumpre a súa décimoquinta edición.

Acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; do xerente do centro comercial, Fernando Pinto, e o organizador da campaña, Carlos Leiro, a delegada felicitou aos impulsores da campaña solidaria e agradeceu a colaboración de entidades privadas e voluntarios.

Segundo apuntou, a recolecta de agasallos comezou o pasado mes de outubro e finalizará o vindeiro 4 de xaneiro, cando levarase a cabo a entrega aos nenos e nenas viguesas. “Temos que conseguir que todos os nenos sorrían este Nadal porque a súa alegría será a nosa e por iso gustaríame tamén pedir a todos os vigueses que participen e doen”, sinalou.

Na edición do pasado ano 2022 foron recollidos máis de 16.000 xoguetes e ao longo das edicións celebradas a suma elévase ata máis de 88.000 regalos doados. En 2016 a campaña foi nominada para os premios Influence Awards, organizados pola firma Influencity, no apartado Mellor Campaña (Influence Campaign).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023