A Comisión mixta de Xustiza entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aborda as actuacións previstas nas infraestruturas xudiciais da comunidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta entre o Goberno Galego e o TSXG

Diego Calvo lembrou que a finais de ano as salas de vistas de todos os órganos xudiciais galegos estarán dixitalizadas e anunciou 1M€ o próximo ano para melloras da eficiencia enerxética nas sedes xudiciais
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron hoxe a Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e TSXG. No encontro, ao que tamén asistiron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e representantes da Sala de Goberno do TSXG abordouse a planificación das obras nos edificios xudiciais.


Cómpre lembrar que a Xunta aposta pola posta en marcha de novos órganos oficiais onde sexa preciso cun importante investimento de máis de 127 millóns de euros a través do Plan de Infraestruturas Xudiciais. De feito, nos orzamentos de 2024, o Goberno galego reserva partidas para avanzar nos proxectos do novo edificio xudicial da Estrada e da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela.

Ademais, a Administración autonómica acepta todas as unidades xudiciais concedidas polo Ministerio de Xustiza cada anualidade asumindo o custo de persoal dos funcionarios da Administración de Xustiza e a dotación de equipamento. De cara a este exercicio, está pendente a publicación do real decreto por parte do Goberno central cos xulgados concedidos.

Na anterior reunión da Comisión Mixta do pasado marzo, a Xunta e o TSXG propuxeron ao ministerio dar prioridade á creación dun xulgado de violencia sobre a muller en Santiago de Compostela, tendo en conta o incremento de asuntos nesta materia segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Ademais, a finais de ano as salas de vistas de todos os órganos xudiciais galegos estarán dixitalizadas e seguirase traballando en actuacións de mellora da eficiencia enerxética nas sedes xudiciais da comunidade cun investimento previsto de 1 millón de euros o próximo ano.

Outro dos puntos tratados no encontro de hoxe ten que ver coas melloras levadas a cabo na Cidade da Xustiza no mes de agosto, no marco do seu compromiso de dar resposta ás novas necesidades detectadas durante o traslado e posta en funcionamento das novas instalacións. Canto ao Plan de autoprotección do edificio que esixe a normativa realizouse xa avaliación de riscos previa. E no referido á seguridade do inmoble, concentráronse nunha única sede todos os servizos xudiciais de Vigo, agás o Rexistro Civil, pasando de seis sedes xudiciais a dúas. Por este motivo, a Xunta reorganizou o servizo de vixilancia para darlle resposta ás necesidades do servizo, que é superior ao prestado antes nas antigas sedes.

Conta con 10 efectivos da Policía Nacional e coa previsión de chegar aos 12, ademais de vixiantes de seguridade privada (tres pola mañá, un pola tarde e un os fins de semana) e inclúense 3 arcos detectores de metais, 3 escáneres e 32 cámaras de vixilancia.

Por outra banda, o vicepresidente primeiro trasladou na reunión a importante redución dos prazos de emisión de informes por parte dos equipos das subdireccións do Imelga tras o importante aumento na carga de traballo derivado da aprobación de novas leis estatais nos últimos anos. Xa están axustados aos prazos habituais grazas ás medidas adoptadas pola Xunta -reforzo de persoal, horas extra e convenios de colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia e coa Asociación Nacional de Peritaxe Social- e nas subdireccións de Santiago e Vigo, as dúas con maior retraso, a emisión de informes baixou en 18 meses nos asuntos de Familia e en 14 no ámbito penal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023