A Xunta sinala a importancia da actualización de coñecementos entre os profesionais da seguridade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura da xornada ‘Desafíos en seguridade’, organizada pola Asociación de Empresas e Expertos de Seguridade de Galicia (Aesga)

A Coruña, 14 de novembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura da xornada Desafíos en seguridade, onde destacou a importancia de que os profesionais do eido da seguridade actualicen coñecementos e poidan así adiantarse aos novos retos na materia. Nesta liña, sinalou o relevante papel de entidades como a Asociación de Empresas e Expertos de Seguridade de Galicia (Aesga), organizadora do evento, para facilitar a formación do colectivo que representan.

Segundo o director xeral, esta aposta formativa e divulgativa é compartida polo Goberno galego, que impulsa cada ano a formación do persoal das forzas e corpos e seguridade e dos servizos de atencións ás emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Así, só neste exercicio, o conxunto das accións formativas suma máis de medio milleiro, 245 no eido da seguridade pública e 280 no das emerxencias. A cifra supón un importante incremento con respecto ao pasado ano, no que se impartiron 441 cursos con preto de 12.000 persoas diplomadas.

Por outra banda, Santiago Villanueva recoñeceu o labor realizado polos profesionais da seguridade privada en Galicia e incidiu na necesidade de que conten coa preparación precisa para o mellor desenvolvemento do seu traballo a prol da protección cidadá. Para o director xeral, o encontro celebrado hoxe é exemplo do interese do colectivo pola formación, ao abordar da man de expertos temas de máxima actualidade como a Intelixencia Artificial, os cambios normativos ou as inspeccións, entre outros.

Data de actualización: 14/11/2023