Rueda resalta o investimento da Xunta de máis de 100 M€ para consolidar no tempo 5000 prazas de atención á discapacidade que prestan as entidades sociais
Destaca que se fará a través da fórmula de concerto social, unha demanda das entidades do sector, que garante blindar a prestación deste servizo por parte destas asociacións
Avanza o compromiso de seguir incrementando prazas de atención diúrna, ocupacional, de respiro familiar e residencial
Salienta que estes coidados serán prestados por profesionais do máis alto nivel e que as persoas usuarias sexan atendidas na súa contorna
Incide que se trata dun acordo “esperado e demandado” polas entidades sociais e as familias
Santiago de Compostela, 20 de novembro 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai destinar 100 millóns de euros ao ano ao mantemento de máis de 5000 prazas de atención á discapacidade a través do concerto social, unha formula entre Administración e entidades sociais que garante blindar a prestación deste servizo no tempo nun acordo “esperado e demandando” tanto por estas asociacións, que prestan estes coidados, como polas familias e persoas beneficiarias.
“Era unha reivindicación xusta”, admitiu o mandatario galego tras participar, xunto a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, na sinatura con entidades sociais galegas deste novo concerto social.
O concerto social é unha demanda das entidades do sector, que facilitará que as persoas con discapacidade non teñan que desprazarse longas distancias para acceder a unha praza pública.
Ademais, a través desta modalidade para a contratación de servizos especializados, a Xunta subirá un 25% o investimento con respecto aos contratos actuais; aumentará o importe do prezo/praza dos servizos e garantirá e consolidará a continuidade destes recursos públicos especializados. A Administración autonómica tamén asumirá as subidas salariais dos profesionais que atenden estes servizos e dará maior estabilidade xurídica e económica ás entidades que prestan esta atención.
Calidade dos coidados
Rueda puxo en valor a importancia deste concerto social que blindan a continuidade dos servizos que ofrecen estas entidades, que segundo avanzou, serán prestados por profesionais “do máis alto nivel”, á vez salientou que evitará que as persoas usuarias teñan que percorrer longas distancias e poidan se atendidas na súa mesma contorna. Do mesmo xeito, remarcou o feito de que dará estabilidade e garantía de que esta atención “se vai manter no tempo”.
Ademais, adiantou que a través desta fórmula de concerto social o Goberno galego se compromete a seguir incrementando as prazas de atención diúrna, ocupacional, de respiro familiar e residencial. “Isto non é máis que o principio”, aseverou con respecto ao esforzo e prioridade da Xunta en mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, tal e como se reflicte no orzamento para esta área no 2024, que ascende a máis de 170 millóns de euros.
Galicia, o mellor sitio para vivir
Este acordo encádrase nas actuacións que está a levar o Goberno galego parar facer de Galicia o mellor sitio para vivir e asegurar que todos os galego e galegas teñan acceso aos mesmos servizos, vivan onde vivan, sexan da idade que sexan e teñan ou non discapacidade.
Por estes motivos, o presidente da Xunta fixo fincapé no deber das administracións de garantir que as persoas con discapacidade teñan a oportunidade de formarse e traballar para acadar a súa plena integración na sociedade. E nos casos nos que precisan coidados, ofrecerlles unha atención de calidade preto do seu fogar.
Neste senso, admitiu que todo isto sería “imposible” se a Administración non contase coas entidades sociais como grandes aliadas. “Sodes os nosos ollos, oídos e mans ante a discapacidade”, agradeceulles.