Rueda asina un acordo marco coa Fundación ‘la Caixa’ para seguir colaborando en materia de acción social, científica, educativa e cultural

O obxectivo é mellorar as condicións de vida da infancia vulnerable, os maiores ou dos cidadáns en risco de exclusión

Vanse reforzar proxectos para loitar contra a pobreza, impulsar a contratación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou reforzar a atención á discapacidade

O presidente salienta o compromiso da entidade “con Galicia e os galegos” e asegura que estes acordos permiten “chegar onde ás veces as administracións” non poden e atender “as necesidades das persoas que máis o precisan”
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro 2023

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación ‘la Caixa’, Isidro Fainé, asinaron hoxe un acordo marco que reforza a colaboración entre ambas institucións en materia de acción social, científica, educativa e cultural.

O obxectivo é seguir traballando xuntos co obxectivo de mellorar as condicións de vida da infancia máis vulnerable, os maiores, colectivos con necesidades especiais afectados por algunha patoloxía e contribuír ao benestar das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Para iso, La Caixa destinará 11 millóns de euros este ano ao desenvolvemento de diferentes programas na comunidade galega. Entre eles, cómpre destacar que se van potenciar os proxectos sociais para loitar contra a pobreza e a exclusión social, facilitar a contratación de persoas en situación de vulnerabilidade ou mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade.

Durante o acto de sinatura, ao que tamén asistiu a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o presidente da Xunta agradeceu “a longa traxectoria de compromiso” da Fundación “con Galicia e os galegos”. Ademais, fixo fincapé no labor que desenvolven as entidades sociais e resaltou que este tipo de colaboracións permiten chegar “onde as administracións ás veces non somos quen de chegar e atender así as necesidades das persoas que máis o precisan”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023