A Xunta concede máis de 40 bolsas para estudar este curso no Centro Superior de Hostalería de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución dos beneficiarios dos que acceden a esta axuda por primeira vez e os que a renovan

Xunto a este alumnado, 43 estudantes máis están a realizar os estudos con algún tipo de exención, polo se estende a 87 o alumnado con descontos na matrícula

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución dos beneficiarios das axudas da Xunta para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) neste curso, tanto os que optaron a ela por primeira vez como aos alumnos que renovan a bolsa, que ascenden a 44 en total.

Así, neste curso 2023-2024 teñen a bolsa por vez primeira unha quincena de alumnos e preto de 30 a renovan. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo de entre o 80% e o 50% e enmárcanse no compromiso de Turismo de Galicia por fomentar a formación no eido turístico.

Súmanse a eles os 43 alumnos máis que tamén este curso están a beneficiarse de exencións na matrícula (por familia numerosa, matrícula de honra en 2º de Bacharelato ou Ciclo Formativo de Grao Superior…), que teñen descontos de entre o 100% e o 50%. Así, en total, entre as bolsas e exencións, un total de 87 alumnos están a obter descontos na súa matrícula no Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Con estas medidas, a Xunta de Galicia busca favorecer a competitividade e a igualdade de oportunidades e excelencia no rendemento académico dos estudantes que cursan as titulacións no Centro, que se suman a acordos levados a cabo con distintas compañías do sector.

Bolsas co Grupo Iberostar

Como o convenio que vén de pecharse co grupo Iberostar para outorgar bolsas entre os estudantes que superaron o primeiro e segundo curso do Diploma de Xestión de Empresas Hosteleras e que se acaban de matricular no terceiro ano académico do grao en 2023-2024. Inclúe sufragar o 25% da matrícula do terceiro curso e o 50% do cuarto curso sempre que se cumpran os requisitos que se poderán consultar na páxina web do Centro Superior de Hostalería de Galicia. Tamén inclúe a posibilidade de realización de prácticas de terceiro e cuarto en establecementos pertencentes ao grupo Iberostar, tanto en destino nacional como internacional. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de decembro e rematará o 5 de xaneiro.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia continúa así a afondar na formación, nun curso académico no que conta con máis de 170 alumnos. Imparte desde hai dous cursos académicos o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela. Conta cun curso inicial común e ten dúas mencións, unha en Dirección Hoteleira e outra en Gastronomía. O grao ofrece unha visión completa e integral dos negocios hostaleiros dentro da industria hoteleira, restauración, agroalimentaria, eventos e turismo en xeral. Durante este curso académico aínda convive co título propio de Diploma Superior en Xestión Hostaleira que viña impartindo o centro e está en fase de extinción.

Xunto ao Grao universitario, o Centro Superior de Hostalería de Galicia tamén aposta pola innovación e a formación constante buscando a reciclaxe dos traballadores en activo. Por iso ten un plan de formación anual para os profesionais do sector turístico, emprendemento e dixitalización que vén funcionando con boa resposta nos últimos anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023