A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada da delegada territorial da Xunta, participou hoxe en Vigo no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Fabiola García sinala que o goberno galego “non se conforma” e reforzará o vindeiro ano os orzamentos para a atención á discapacidade ata superar os 170 M€

Aposta por seguir ampliando a rede de atención temperá, por consolidar un dos sistemas educativos máis inclusivos de España, por facilitar o seu acceso ao mundo laboral e por seguir ampliando a oferta deportiva, cultural e de tempo libre

Lembra que este ano acadouse coas entidades sociais un acordo histórico para poñer en marcha o concerto social, que blindará a atención social á discapacidade para os vindeiros anos

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 1 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou hoxe no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade organizado por Cermi Galicia na cidade de Vigo. Durante a súa intervención sinalou que o Goberno galego “non se conforma” e reforzará o vindeiro ano 2024 os orzamentos para a atención ás persoas con discapacidade, que superarán por primeira vez os 170 millóns de euros.

A conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou a capacidade de superación, de perseverancia e de loita das persoas con discapacidade e das súas familias. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego colle a súa forza como exemplo para seguir facendo de Galicia un lugar máis inclusivo, no que todas as persoas poidan realizar o seu proxecto de vida libremente. Así mesmo, agradeceu a todo o tecido social galego por recoller as súas demandas e facerllas chegar a todas as administracións.

Fabiola García lembrou que a Xunta seguirá traballando para ampliar a rede de atención temperá, que atende na actualidade a máis de 5.000 nenos galegos; seguirá consolidando un sistema educativo que se ten convertido no máis inclusivo de toda España; seguirá facilitando o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade; e seguirá ampliando a oferta deportiva, de cultura inclusiva e de tempo libre accesible a toda a sociedade.

Concerto social

Ademais, a conselleira fixo fincapé en que este mesmo ano a Xunta acadou co tecido social galego un acordo histórico para impulsar o tan agardado concerto social. Un compromiso coas entidades que permitirá blindar a atención á discapacidade para os vindeiros anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2023