Galicia reivindica o papel das rexións na estratexia europea de cooperación internacional

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na clausura da oitava edición do foro internacional sobre a materia, que reuniu en Bruxelas máis de 300 representantes de municipios e rexións da UE e do Sur Global durante tres días

Bruxelas, 1 de decembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na clausura da oitava edición do foro internacional Cidades e rexións pola cooperación internacional, celebrada desde o pasado mércores en Bruxelas, onde avogou pola cooperación descentralizada na Unión Europea. Como representante do Comité Europeo das Rexións (CdR) en calidade de membro da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores, Gamallo subliñou tamén a importancia das rexións e das cidades na execución de políticas orientadas a lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).  

Ademais da Axenda 2030, o outro foco do foro foi a chamada Global Gateway, a estratexia europea que pretende mobilizar 300.000 millóns de euros entre 2021 e 2027 para colmar o déficit de financiamento dos ODS mediante a creación de vínculos a nivel global que impulsen o investimento en infraestruturas sostibles e de calidade con capacidade de transformar diversos sectores. Jesús Gamallo apuntou que o seu enfoque estratéxico “complementa o modelo de desenvolvemento horizontal, participativo e orientado ao fortalecemento democrático da cooperación descentralizada.”

 

O director xeral destacou o traballo desenvolvido nas 25 mesas de debate organizadas durante ao foro arredor de investimento, innovación, inclusión e cidades intermediarias, destacando “a importancia da diplomacia urbana, a cooperación entre pares, a participación cidadá ou as redes colaborativas entre cidades como accións clave para achegar unha dimensión á estratexia Global Gateway”.

 

Coorganizado pola Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión Europea e polo Comité Europeo das Rexións dende hai 14 anos, o foro Cidades e rexións pola cooperación internacional ten como obxectivo xerar un espazo de diálogo no eido da cooperación ao desenvolvemento levada a cabo dun xeito descentralizado. Nos encontros, de carácter bianual, as autoridades locais e rexionais dos estados europeos e dos seus socios buscan solucións conxuntas desde a perspectiva subnacional. Esta última edición reuniu 260 representantes do Sur Global, entre os que se atopa un representante local hondureño proposto pola Cooperación Galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023