Xosé Merelles visita o Belén de Valga co que arranca Nadal en Galicia, a proposta da Xunta para potenciar o valor turístico destas datas

Turismo de Galicia convida a participar nas diferentes propostas como beléns, mercados, espectáculos que se celebran nas catro provincias

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2023 A Xunta propón vivir este ‘Nadal en Galicia’ co seu produto de promoción no que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén nestas datas poñendo así en valor o seu potencial turístico.

Entre elas inclúese o Belén Artesanal de Valga, de interese turístico, que hoxe visitou o director de Turismo de Galicia Xosé Merelles no seu primeiro día de apertura.  Caracterizado por incorporar elementos da actualidade, con escenas locais da zona e personaxes ilustres do municipio, de Galicia e do resto de España, gran parte das pezas deste belén están en movemento. Destaca polo seu carácter popular e participativo coa implicación dos seus veciños. Estará aberto ata o 14 de xaneiro con apertura todos os días da semana.

‘Nadal en Galicia’ tamén inclúe o de Begonte, que conta co mesmo recoñecemento. Nel destacan as súas pezas artesanais e mecanismos con figuras que se renovan cada ano, feitas polos veciños. Desde a súa orixe creceu tanto que a sala adxacente está dedicada ao Museo do Belén. De feito alí tamén se pode ver o primeiro mecanismo que movía esta estructura nos 70 así como as antigas pezas que van sendo retiradas.

Súmanse outras propostas de beléns destacados nas catro provincias así como os mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.

Desestacionalizar


Distintas opcións de lecer familiar, así como grandes espectáculos como OVO, do Circo do Sol, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia e que se celebrará do 3 ao 5 de xaneiro, así como visitas guiadas especiais ou a iluminación que levará a cabo o Goberno autonómico en distintos monumentos e espazos patrimoniais do Camiño de Santiago tamén forman parte da oferta.

‘Nadal en Galicia’ inclúe a edición dunha guía que se poderá consultar en vindeiros días na páxina web de Turismo de Galicia. Enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por desestacionalizar a actividade turística e facer da Galicia un destino atractivo en distintos momentos do ano para repartir temporalmente a chegada de viaxeiros e tamén os beneficios económicos que supón para as distintas localidades.

Data de actualización: 03/12/2023