O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración da zona axardinada neste espazo

Rueda destaca a renovación da praza do Mar de Sanxenxo como exemplo de integración dos espazos urbanos e portuarios

Salienta que permitirá dar unha nova vida a este espazo e que dará a oportunidade a veciños e visitantes de desfrutar da costa da localidade

Asegura que reforzará o atractivo desta vila, referente do turismo en Galicia

Resalta que Galicia rexistrou 6,4 millóns de viaxeiros e sitúase como principal destino turístico do norte de España

Sanxenxo (Pontevedra), 3 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a renovación da praza do Mar de Sanxenxo é un bo exemplo da integración dos espazos urbanos e portuarios para que os veciños e visitantes desta localidade pontevedresa poidan desfrutar da costa.

 

Durante a inauguración da nova zona axardinada neste espazo, Rueda salientou que este proxecto Batea en Terra -deseñado por María Fandiño, gañadora dun dos premios anuais que outorga o Colexio de Arquitectos de España en 2021- permitirá dar unha nova vida a este espazo e utilizará, ademais, vexetación autóctona.

 

Deste xeito, Sanxenxo reforzará o seu atractivo turístico, logo de ser un dos referentes no norte de España e clave no incremento de visitantes que está a rexistrar a comunidade galega. Na súa intervención, Alfonso Rueda destacou as cifras aportadas polo INE destes dez primeiros meses en canto ao turismo na nosa comunidade, as cales acadan os 6,4 millóns de viaxeiros.

 

Galicia situouse coma o primeiro destino do norte peninsular en demanda turística ata outubro e o sétimo máis importante de España. Ademais, estanse a acadar os mellores niveis de rendibilidade hoteleira desde que hai rexistros. O titular do Goberno galego animou a seguir facendo un turismo con sentidiño e a abrirlle as portas aos visitantes non só no verán, posto que “Galicia pode desfrutarse durante todo o ano”, finalizou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2023