O presidente da Xunta visitou dous potenciais beneficiarios desta axuda universal

Rueda destaca que a partir de xaneiro 20.000 dependentes que reciben atención no seu domicilio contarán cun bono de 5000 € ao ano

Sinala que os que viven nunha residencia tamén recibirán un complemento de 1200 euros anuais
 

Adianta que recibirán as contías de forma automática, sen necesidade de facer ningún trámite adicional
 

“Se queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir tamén ten que ser o mellor lugar para envellecer”, defendeu sobre a necesidade destas medidas
 

Rois (A Coruña), 5 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os 20.000 dependentes que son coidados no seu domicilio comezarán a recibir en xaneiro un bono de 5000 euros ao ano. Así, xa nos primeiros días do mes o seu ingreso mensual actualizarase conforme á nova contía. 

O titular do Executivo Galego visitou hoxe en Rois, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o domicilio de dous potenciais beneficiarios desta axuda, Isaura e Guillermo, que recibirán de forma autonómica, sen necesidade de facer ningún trámite adicional. Este bono vai dirixido a todos os dependentes que están sendo atendidos no seu fogar, sen importar o grao de dependencia ou o nivel económico.  

Da mesma forma, Rueda lembrou que as persoas con dependencia que vivan nunha residencia recibirán, tamén de forma automática e en xaneiro, un complemento universal de 1200 euros ao ano -100 euros ao mes- que chegará, neste caso, a 10.500 beneficiarios. 

Galicia, mellor lugar para vivir e para envellecer

Deste xeito, o mandatario galego salientou que a partir de xaneiro máis de 30.000 persoas dependentes serán beneficiarios destes 150 millóns de euros que “son de absoluta xustiza”, valorou. “Se queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir tamén ten que ser o mellor lugar para envellecer”, defendeu. 

Grazas a estas iniciativas, Galicia convértese na primeira comunidade que emprende o camiño cara a universalización do sistema de coidados de dependencia e avanza no obxectivo de que cada galego poida elixir libremente como envellecer. Para iso, cóntase coa axuda de ambos bonos, o que evidencia o compromiso da Xunta coa atención ás persoas dependentes.

Neste senso, o presidente reclamou a mesma implicación por parte do Goberno central e apelou de novo á necesidade de que asuma as súas responsabilidades nesta materia e financie, tal e como está establecido, o 50 % do custo dos servizos, xa que actualmente só se encarga do 30 %. 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2023