A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reuniuse hoxe coa alcaldesa do concello, María Jesús Novo

A Xunta concede dúas axudas que suman 100.000 euros ao concello de Boimorto para a mellora da accesibilidade e a adquisición dun vehículo

Suprimiranse as barreiras arquitectónicas na rúa Vilanova e comprarase un vehículo para os servizos sociais municipais

Boimorto (A Coruña), 6 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá o concello de Boimorto para dar conta das axudas para a supresión de barreiras arquitectónicas e a adquisición de vehículos das que se beneficiará este municipio. En concreto, a Xunta concedeu dúas achegas económicas por un total de 100.000 euros a este municipio coruñés para acometer estas actuacións.

Fabiola García, que foi recibida pola alcaldesa, María Jesús Novo, explicou que con estas novas liñas de axudas, o concello de Boimorto acometerá a mellora da accesibilidade da rúa Vilanova, cun investimento de 48.400 euros. A segunda das axudas empregarase na compra dun vehículo para mellorar o funcionamento dos seus servizos e centros sociais.

O Goberno galego destina un total de 3 millóns de euros a estas dúas ordes de axuda —2 millóns para a mellora da accesibilidade de espazos, equipamentos ou edificios públicos e 1 millón para a adquisición de vehículos—. Están dirixidas a concellos cun censo máximo de 10.000 habitantes e aqueles que resultaron beneficiarios teñen de prazo ata o mes de marzo para xustificalas, no caso das de accesibilidade, e ata maio no caso das subvencións para a compra de vehículos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/12/2023