A Xunta imparte unha xornada formativa sobre as novas funcionalidades na plataforma destinada ao rexistro de agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na inauguración da xornada, na que se explicou o procedemento para cargar operativos preventivos na aplicación

O mecanismo poderase utilizar tamén para un mellor coñecemento das necesidades de formación e equipamento e para a realización de informes e memorias de actividades
 

A Estrada (Pontevedra), 14 de decembro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá na inauguración da xornada formativa levada a cabo na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para explicar ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)  o manexo das novas funcionalidades da aplicación informática SIPROC destinada ao rexistro de altas e baixas das persoas integrantes destes colectivos.

Deste xeito, abordouse unha nova funcionalidade que permite cargar os operativos preventivos realizados polas agrupacións en substitución das chamadas ao número 112. Reducirase así a cifra de chamadas a este número, o que redundará nunha diminución dos tempos de resposta tanto das chamadas da cidadanía como dos propios profesionais en caso de emerxencias. Xa está operativa esta opción que funcionará de maneira paralela ás chamadas ata finais de ano, coa previsión de que se comece a empregar de xeito xeneralizado a comezos de 2024.

Santiago Villanueva destacou o importante papel das novas tecnoloxías para mellorar a eficacia na prevención e xestión das emerxencias. Por iso, prevese continuar a dotar de novas funcións esta aplicación SIPROC. O obxectivo é integrar nun futuro tamén as mobilizacións realizadas a través do CIAE 112, así como outras funcionalidades que sexan demandadas como froito do seu uso polas AVPC, ao tratarse dunha aplicación modular desenvolvida pola propia Xunta.

Nesta liña, cómpre lembrar que pese a que os servizos de emerxencias son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias dos concellos. Así, lévanse investidos 26 millóns de euros en material, dos que máis de 14 foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). 

A Xunta tamén apoia as agrupacións de voluntarios a través dunha cantidade destinada a sufragar os seus gastos de funcionamento con 340.000 euros anuais, ao que se engade a formación que reciben cada ano xunto cos demais servizos de emerxencias na AGASP no marco dos cursos do plan de formación continua da academia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023