A Xunta avanza co Consello da Avogacía Galega na negociación do convenio sobre o servizo de orientación xurídica e da renovación das compensacións pola asistencia xurídica gratuíta

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo hoxe unha reunión con responsables do órgano colexial para abordar a actualización das cantidades que perciben por convenio os profesionais da avogacía pola quenda do oficio e a opción de incluír novos conceptos

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nunha reunión de seguimento dos convenios co Consello da Avogacía Galega, na que se abordaron, entre outros asuntos, a aprobación dun acordo co que regular o funcionamento do servizo de orientación xurídica cun orzamento previsto de 145.000 euros.

Ademais, ambas institucións están a traballar no novo convenio para seguir actualizando as cantidades que perciben os profesionais da avogacía pola asistencia xurídica gratuíta e renovar o acordo actual vixente ata outubro de 2024. Os avogados de oficio solicitan na folga actual ao Goberno central a reforma da Lei de Asistencia Xurídica para incluír o pago de conceptos que non contempla a lei. Nesta liña, Galicia xa se anticipou á reforma e realiza as retribucións mediante convenio pese a non ser a súa competencia, sen prexuízo que na negociación actual se estean a abordar novos conceptos.

Cómpre lembrar que a Xunta mantén un compromiso constante co servizo de asistencia xurídica gratuíta con 164,4 millóns de euros investidos desde 2009. Ademais no período entre 2010 e 2023 a porcentaxe de incremento de gasto anual foi dun 28,5% cunha media de case 13 millóns de euros nos últimos dous anos.

O Goberno galego vén introducindo nos últimos anos incrementos nas compensacións e melloras na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta, que prestan os colexios profesionais, e que é fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Por iso, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais. En concreto, é unha das autonomías que mellor retribúe os profesionais da quenda de oficio conforme ao baremo consensuado en 2021 co Consello Galego da Avogacía e o Consello Galego dos Procuradores e vixente ata 2025 grazas á suba dun 15% nos baremos pactados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023