A Comisión Galega de Protección Civil aproba a revisión dos plans de protección civil fronte a inundacións e accidentes no transporte de mercadorías perigosas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión do pleno deste organismo na que tamén se abordou a actualización dos plans de emerxencia exterior de Foresa-Vilagarcía de Arousa, Cabo Prioriño e Arteixo Química

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá a reunión do pleno da Comisión Galega de Protección Civil, na que se informou de xeito favorable da revisión do Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) e do Plan especial de protección civil ante emerxencias por accidentes no transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril en Galicia (Transgal).

O Inungal establece a organización e os procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á comunidade, e os que poden ser asignados a este por outras administracións, co obxectivo de minimizar os riscos nas zonas asolagadas ou previr e reducir no posible os accidentes e os danos acontecidos mediante a mobilización de medios de evacuación e de asistencia sanitaria e de lugares de aloxamento para os evacuados, así como de mecanismos de restauración das vías de comunicación e servizos básicos afectados. Actualizouse en 2020 e agora coa nova revisión recóllese a análise de riscos de plans de xestión de risco de inundación aprobados a comezos deste 2023.

Canto ao Transgal, inclúe o plan director da planificación territorial elaborado en Galicia ante este tipo de riscos con funcións básicas e contido mínimo e o marco organizativo xeral para a integración no plan especial. A última actualización é de 2013, polo que é preciso a súa revisión polo aumento do número de vías de alta capacidade na comunidade e a entrada en vigor da modificación do pasado setembro da Lei 38/2015 do sector ferroviario.

Por outra parte, no encontro de hoxe abordouse a actualización dos plans de emerxencia Exterior (PEE) de Foresa-Vilagarcía, Cabo Prioriño, en Ferrol e Arteixo Química, en Arteixo. 

Todos os plans avaliados hoxe terán que enviarse ao Consello Nacional de Protección Civil antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta.

Os plans de emerxencia exterior son elaborados pola Xunta de Galicia e teñen como obxectivo determinar os posibles riscos destas instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.  

Os PEE prevén todos os posibles riscos das instalacións industriais que superan un determinado nivel de substancias perigosas, de acordo co establecido nas directivas europeas (directiva SEVESO) e na normativa española. Tamén establecen medidas de actuación ante estes riscos, que involucran á propia empresa, aos medios de emerxencias das distintas administracións e á cidadanía que poida resultar afectada. Ademais, debe coordinarse cos plans de actuación municipal e cos plans de emerxencia interior que teñen as propias empresas.

Por último, na reunión deuse conta dos simulacros e exercicios levados a cabo ao longo deste ano, que ascenden a un total de 13.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023