A Xunta prevé o pago de máis de 14,2m€ aos colexios de avogados e procuradores pola quenda de oficio ata setembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica as ordes para o cuarto trimestre de 2023 e os tres primeiros de 2024 para compensar a estes profesionais polo servizo da asistencia xurídica gratuíta

Os acordos actuais están vixentes ata 2025, pero a Xunta xa está a traballar cos colexios na seguinte renovación con melloras nas contías e a opción de novos conceptos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as contías fixadas para o cuarto trimestre de 2023 e os tres primeiros trimestres de 2024 para compensar os colexios de avogados e de procuradores de Galicia polas actuacións dos seus colexiados na quenda de oficio.  

En concreto, a cantidade que se prevé pagar neste período é de máis de 14,2 millóns de euros ata setembro do ano que vén, dos que máis de 12,9 millóns corresponden aos colexios de avogados e máis de 1,2 millóns aos de procuradores.

O investimento da Xunta neste servizo de asistencia xurídica gratuíta supera os 175,7 millóns de euros desde 2009: case 161 millóns no caso do pago aos profesionais da avogacía e os 14,7 millóns restantes para os da procuradoría. Neste período a porcentaxe de aumento de gasto anual foi dun 28,5% cunha media de case 13 millóns de euros nos últimos dous anos. O importe xa aboado con cargo os orzamentos deste ano ascendeu a 9,7 millóns no cuarto trimestre do ano pasado e os primeiros trimestres deste exercicio.

Cómpre lembrar que o Goberno galego acordou en 2021 con ambos colectivos profesionais a renovación dos acordos  acadados en 2017 para establecer o baremo e as bases de compensación económica de asistencia xurídica gratuíta destes profesionais e que supón un aumento de media de máis dun 15% ata 2025.  

Os baremos actualmente vixentes situaron a Galicia entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. De feito, a suba media do 15% é bastante maior nos procesos de medidas en materia de familia, nos casos de protección de violencia de xénero ou nos procedementos de apoio a persoas con discapacidade.  

A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza. Grazas ás medidas que se foron tomando, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores. 

Ademais, a Xunta xa está a traballar cos colexios profesionais para seguir actualizando as cantidades que perciben os profesionais da avogacía pola asistencia xurídica gratuíta e renovar o acordo actual e a posibilidade de incluír novos conceptos.

Os avogados de oficio solicitan na folga actual ao Goberno central a reforma da Lei de Asistencia Xurídica para incluír o pago de conceptos que non contempla a norma. Galicia xa se anticipou á reforma e realiza as retribucións mediante convenio pese a non ser a súa competencia, sen prexuízo que na negociación actual se estean a abordar novos conceptos.

Data de actualización: 20/12/2023