A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro

O fenómeno adverso afectará ao litoral da Coruña por mar combinada do oeste con ondas de ata sete metros e ventos do suroeste rolando a oeste forza sete

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará a media tarde de mañá na costa coruñesa e estenderase o domingo a todo o litoral galego. Haberá mar combinada do oeste con ondas de ata sete metros e ventos do suroeste rolando a oeste de forza sete.

A borrasca vai deixar tamén refachos de vento en nivel de alerta amarelo nas franxas costeiras da Coruña e de Lugo.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. No caso de concellos con plans de emerxencias municipais (PEMU), recomendase a súa activación en fase de preemerxencia.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 29/12/2023