O titular de Mar preside a reunión do director do Pcuma e os responsables dos 8 GALP

A Xunta estreita vínculos entre os GALP e o Plan da Cultura Marítima para promover proxectos que poñan en valor este patrimonio por todo o litoral galego

Alfonso Villares aposta por involucrar ao conxunto da sociedade, das administracións e do sector marítimo-pesqueiro no desenvolvemento desta estratexia

O Pcuma repasa os oficios e bens materiais e inmateriais ligados ao mar, propón cen medidas para preservalos e enxalza os espazos singulares da cultura mariñeira

Os grupos de acción local do sector pesqueiro desenvolveron entre 2006 e 2022 máis de 700 actuacións por 80 millóns de euros que xeraron por riba dos 4.500 empregos

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe a reunión entre o director do Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030 (Pcuma), Óscar Fuertes, e presidentes, xerentes e técnicos dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que traballan ao longo da costa galega, da Guarda a Ribadeo. O obxectivo do encontro foi dar a coñecer a estratexia en favor deste patrimonio material e inmaterial do mundo do mar na comunidade e propiciar que os GALP promovan proxectos que contribúan a recuperalo, salvagardalo para o futuro e para poñelo en valor.   

Alfonso Villares indicou que o Pcuma constitúe un conxunto de accións que é único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional que ten como fin protexer e conservar o enorme patrimonio marítimo galego para que chegue ás vindeiras xeracións. Dada a súa importancia, o titular de Mar aposta por involucrar ao conxunto da sociedade, das administracións e do sector marítimo-pesqueiro no seu desenvolvemento.  

Esta folla de ruta foi froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral e realiza unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade. Recolle 100 medidas a aplicar antes do ano 2030 para avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior. Para iniciar ese camiño e que o traballo realizado empece a dar froitos tanxibles para a cidadanía preténdese contar co conxunto da sociedade e administracións competentes e, pola súa labor pegada ao terreo, especialmente cos GALP.

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado que se multiplicaron para dinamizar a economía galega cun impacto superior aos 215 millóns de euros e a xeración e participación directa, indirecta e inducida de máis de 4.500 empregos na posta en marcha de tódalas iniciativas. Destacan entre os proxectos realizados os que teñen que ver coa valorización dos produtos da pesca e a diversificación das actividades ligadas ao mundo marítimo-pesqueiro.  

Planificación futura

O obxectivo do encontro entre o responsable do Pcuma cos GALP é que na súa planificación de actuacións futuras teñan en conta aquelas que recuperan e enxalzan o valor do patrimonio marítimo e as tradicións propias do litoral. Estes grupos poden contribuír ao coidado e mellora do inventario de inmobles repartidos polo litoral, en especial o que se concentra nas coñecidas como áreas nai -zonas singulares do litoral galego que salientan por conservar as características orixinais-, entre as que se atopan Rinlo, Espasante (Ortigueira), Mugardos, Redes (Ares), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda.

Na reunión participaron os responsables do GALP1  A Mariña-Ortegal; do GALP 2 Golfo Ártabro-Norte; do GALP 3 Costa da Morte; do GALP 4 Fisterra e Ría de Muros e Noia; do GALP 5 Ría de Arousa; do GALP 6 Ría de Pontevedra; do GALP 7 Ría de Vigo-A Guarda: e do GALP 8 Golfo Ártabro Sur.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/01/2024