A conselleira de Política Social e Xuventude visitou hoxe unha autoescola en Ferrol

Fabiola García lembra á mocidade que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas para adquirir o carné de conducir

Destacou a importancia do carné de conducir para que a xente moza gañe en autonomía e mellore a súa empregabilidade

Ferrol, 29 de xaneiro de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lembrou hoxe á mocidade que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas para sacar o carné de conducir de coche, camión e autobús. A conselleira informou durante unha visita a unha autoescola de Ferrol que as persoas de entre 18 e 30 anos de idade poderá solicitar estas axudas ata o vindeiro día 30 de setembro.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, sinalou que sacar o carné de conducir ten un significado determinante e moi significativo para a xuventude, posto que lles permite gañar en liberdade e autonomía, mellorar a súa empregabilidade e iniciar o seu proxecto de vida.

Os beneficiarios poderán recibir entre 400 e 1.300 euros para sufragar parte do que custa obter o carné de conducir. Tamén poden solicitar acollerse ás axudas desta convocatoria os mozos e mozas que obtivesen o carné no 2023, xa que o ano pasado non se convocaron estas achegas.

A conselleira apuntou que con iniciativas como esta a Xunta continúa estando ao carón da mocidade ofrecéndolle o apoio e o acompañamento para emprender o seu proxecto de vida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024