A Xunta aproba o proxecto para construír a vía de acceso ao apartadoiro ferroviario da Plisan

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de aprobar a separata do proxecto para a construción da vía de acceso ao apartadoiro ferroviario da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves (Plisan).

Este proxecto, que abarca o ámbito correspondente á fase 8A, describe as características dos viarios deseñados, definindo o seu trazado, seccións tipo, firmes, sinalización e balizamento.

Esta vía proporcionará acceso rodado ao apartadoiro ferroviario así como a conexión das redes de servizos urbanos coas redes xa construídas en fases precedentes.

O apartadoiro ferroviario ten como obxectivo que todas as empresas emprazadas nesta área industrial poidan utilizar o tren para o subministro de materias primas, compoñentes e a distribución posterior dos produtos, xa que permitirá operar trens lanzadeira co porto de Vigo.

Este apartadoiro, que disporá dunha lonxitude de vías de 750 metros, enmárcase no proxecto de dotar á Plisan dun Centro intermodal de transportes, que permita conectar a que está chamada a ser a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa liña ferroviaria que transcorre pegada á mesma.

Cómpre lembrar que a Plisan ten como promotores á Xunta de Galicia, á Autoridade Portuaria de Vigo e ao Consorcio Zona Franca.

Data de actualización: 06/02/2024