A Xunta aposta pola negociación colectiva para consolidar un mercado laboral baseado na igualdade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou esta mañá na inauguración da ‘II Xornada Autonómica de Igualdade’ organizada polo CSIF Galicia
 

Diego Calvo sinalou a necesidade de incrementar a presenza de muller en todos os ámbitos, incluído o laboral, con medidas con perspectiva de xénero que permitan avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, inaugurou hoxe a II Xornada Autonómica de Igualdade, onde destacou a necesidade de que empresas, persoas traballadoras e administracións se impliquen nos desafíos da negociación colectiva co obxectivo de adaptarse ao novo paradigma laboral, de maneira que as relacións laborais estean baseadas na igualdade.

A segunda edición desta xornada organizada polo CSIF Galicia leva por lema Non podemos avanzar se a metade de nós queda atrás e céntrase precisamente nas medidas coas que fomentar a igualdade de xénero no diálogo social e na negociación colectiva. 

Nesta liña, o vicepresidente primeiro incidiu na importancia da negociación colectiva para abordar as desigualdades salariais e condicións laborais e salientou que na contorna laboral actual marcada pola demanda dunha maior flexibilidade, este proceso ten o papel de “protexer os dereitos das persoas traballadoras, en especial, das mulleres”.

Na súa intervención, Diego Calvo resaltou que a anticipación aos desafíos actuais no eido das relacións laborais e a posta en marcha de propostas innovadoras require a colaboración de empresas e organizacións sindicais, tendo en conta que os axentes sociais son os “catalizadores” principais da voz das persoas traballadoras.

Ademais, salientou a prioridade da Xunta coa igualdade e, en concreto, no que se refire ao incremento da presenza da muller en todos os ámbitos, incluído o laboral. Así, avogou por medidas que rachen coa fenda de xénero entre mulleres e homes e actuacións con perspectiva de xénero que permitan avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
 
Ao remate da inauguración da xornada, a directora  xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, impartirá unha conferencia inaugural na que centrará a súa intervención no I Plan de igualdade da Administración autonómica que se está executando na actualidade. 
 
Conta, en concreto, cun conxunto ordenado de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificulten ou impidan a igualdade efectiva de mulleres e homes no ámbito da Administración galega. A elaboración do documento, que se aprobou co voto a favor das organizacións sindicais CCOO, UXT e CSIF, partiu dunha diagnose da situación en materia de igualdade no seo da Administración e  nutriuse dos resultados de enquisas, voluntarias e anónimas, realizadas entre todos os traballadores para que achegaron a súa visión das necesidades existentes neste eido.
 
En palabras de Mancha, o Plan conta cun protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, así como cunha relación dos obxectivos a alcanzar coa aplicación das 74 medidas que contén o documento, estruturadas en oito eixes de actuación.  

Un dos eixos do Plan de Igualdade é a saúde laboral e a prevención de riscos, “cun rexistro que recolla datos segregados por sexos”; mellorar e promover a formación en igualdade entre os empregados públicos así como deseñar unha guía de corresponsabilidade na Administración son outros dos retos do documento. 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2024