O titular de Mar mantivo un encontro cos membros do Galp 5 Ría de Arousa

Alfonso Villares destaca o papel dos GALP na promoción de iniciativas dirixidas á posta en valor do patrimonio mariño galego

O conselleiro sinala a importancia de involucrar ao conxunto da sociedade, administracións e ao sector pesqueiro no desenvolvemento do Plan da Cultura Marítima de Galicia

Preténdese aproveitar o traballo pegado ao terreo destes colectivos, que nos últimos anos contribuíron a xerar riqueza e emprego e a diversificar as actividades na costa

O documento recolle un conxunto de acción que teñen como fin protexer e preservar o enorme patrimonio marítimo co que conta Galicia, constituíndo unha iniciativa pioneira a nivel nacional e internacional

Compartir
  • whatsapp

Ribeira (A Coruña), 8 de febreiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e polo director do Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030 (Pcuma), Óscar Fuertes, mantiveron unha xuntanza cos membros do GALP 5 Ría de Arousa na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira para abordar a posta en marcha de proxectos que revaloricen a riqueza material e inmaterial vinculada ao litoral galego.

O titular de Mar explicou que o Pcuma destaca e pon en valor determinadas zonas da costa que destacan por conservar as características orixinais debido a que foron sometidos en menor medida a procesos de urbanización e industrialización do litoral. Estas áreas son sinaladas como áreas nais por contar cun núcleo urbano con elementos singulares e orixinais vencellados ao mar entre as cales se atopa a zona de Secada- Touro xunto con outras como Rinlo, Espasante (Ortigueira), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda

O obxectivo desta visita é o de reforzar a difusión da estratexia autonómica en favor deste patrimonio do mundo do mar na comunidade, na que se pretende involucrar ao conxunto da sociedade, das administracións e ao sector marítimo e onde se aposta porque os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) desempeñen un papel protagonista e promovan proxectos que contribúan a recuperalo, salvagardalo para o futuro e a poñelo en valor. O responsable autonómico mantivo que os GALP poden xogar un importantísimo papel á hora de incluír actuacións con estes fins nas súas planificacións futuras.

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, dos cales preto da metade foron axudas. Estes recursos multiplicáronse sobre o terreo e dinamizaron a economía galega nos concellos costeiros cun impacto superior aos 215 millóns de euros, xerando directa, indirecta e inducindo máis de 4.500 empregos. Tiveron especial protagonismo os proxectos relacionados coa valorización dos produtos da pesca e a diversificación das actividades ligadas ao mundo marítimo-pesqueiro.  

O GALP Ría de Arousa abarca os concellos de Boiro, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Este organismo está composto por 47 entidades das que o 36,2% pertence ao sector pesqueiro, as entidades que representan o sector social representan o 38,3%,  do sector económico o 8.5%, e do sector público o 17%. Dos 703 proxectos realizados no conxunto da comunidade, 101 corresponden a Ría de Arousa que supuxeron a mobilización de máis de 5 millóns de euros en axudas, dos que o 59,4% corresponden a iniciativas produtivas e o 40,6% restante a non produtivas.

Documento pioneiro

O Pcuma un documento único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional no que se recollen recolle un conxunto de accións co fin protexer e conservar o enorme patrimonio marítimo galego. É o resultado do intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral e realiza unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade. Recolle 100 medidas a aplicar antes do ano 2030 para avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 08/02/2024