O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, clausurou esta mañá unhas xornadas sobre asesoramento xurídico e laboral organizadas por esta entidade

A Xunta colabora con Alar Galicia no asesoramento xurídico e laboral a mulleres en exclusión social

Visitou tamén a entidade Juan Soñador coa que o Goberno galego colabora para atender a persoas migrantes e familias con nenos en situación ou risco de exclusión

Lugo, 9 de febreiro de 2024

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá na clausura da xornada formativa sobre asesoramento xurídico e laboral a mulleres en exclusión social da provincia de Lugo, que organiza a asociación Alar Galicia. Durante a súa intervención destacou as importancia de dar a coñecer as ferramentas xurídicas coas que contan as mulleres para saír dunha situación de exclusión.

O director xeral sinalou que a Xunta colabora con entidades como Alar Galicia e outras que traballan neste ámbito para garantir que as mulleres en situación de exclusión conten con apoio especializado para saír adiante e recibir a axuda laboral, psicolóxica ou emocional que precisan. Neste sentido, Parrado agradeceu a esta entidade o seu traballo divulgador e a pé de rúa para atender a todas estas necesidades que fan de Galicia un lugar máis xusto no que vivir.

Posteriormente, o director xeral visitou a entidade Juan Soñador, tamén na cidade de Lugo, onde puido coñecer os seus novos programas de apoio a persoas migrantes e familias con nenos en situación ou risco de exclusión. A Xunta colabora con esta e outras entidades a través de distintas ordes de axudas para garantir que poidan facer realidade os seus programas de apoio ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2024