O conselleiro do Mar visita as instalacións de conservas Faro de Burela

Alfonso Villares destaca a calidade e a sustentabilidade dos productos pesqueiros como piares do sector conserveiro galego

O conselleiro puxo en valor a importancia desta industria que xera 12.000 empregos na comunidade e a exportación dos seus produtos medrou un 52% na última década alcanzando os 706 millóns de euros no 2022

O responsable autonómico resaltou o Plan Estratéxico da Conserva de Galicia 2022-2030 como a folla de ruta para seguir afondando na internacionalización e na innovación no sector

Conservas Faro de Burela obtén a materia prima das súas conservas cos seus propios barcos e nas lonxas de Burela e Celeiro o que garante a súa frescura e calidade excepcional
 

Compartir
  • whatsapp

Burela (Lugo), 09 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, subliñou como piares do éxito da industria conserveira galega a calidade excepcional da materia prima da que se dispón en Galicia e a súa aposta pola sustentabilidade e innovación tecnolóxica o que lle permite ir evolucionando e adaptándose as novas necesidades dos mercados cun consumidor cada vez máis exixente. Así o manifestou durante a visita ás instalacións da conserveira Faro de Burela no concello lucense do mesmo nome onde destacou os 35 anos de traxectoria deste empresa, pertencente a Pescados Rivela, optando por unha elaboración artesanal e tradicional que da como resultado un produto de alta calidade e con carácter gourmet.

O titular de Mar puxo de relevo a importancia da conserva dentro do conxunto da cadea mar-industria aportando 12.000 postos de traballo e cun perfil especialmente exportador que representan o 72% das vendas ao exterior de conserva do conxunto de España alcanzando os 706 millóns de euros no 2022, o que supón un crecemento do 52% en tan só unha década. Os produtos galegos foron comercializados en 85 países sendo os principais clientes estados europeos como Italia, Francia, Portugal, Países Baixos ou Alemaña.

O responsable autonómico fixo fincapé na importancia do Plan Estratéxico da Conserva de Galicia 2022-2030 que permitirá afondar nesta senda de éxito reforzando a internacionalización e a innovación do sector actuando tamén noutros eixos como a financiación, a produción, o emprego, a comercialización ou a reputación social. Unhas actuacións que contarán durante ese período con 135 millóns de euros que contrastan coa desidia e inacción do Goberno central que segue sen dar ningún paso respecto a dúas demandas do sector como son a rebaixa do IVE a estes alimentos e o Perte que permita acceder ás empresas as fondos europeos para continuar coa modernización dos seus procesos produtivos e mellorar a súa competitividade.

A máxima calidade

En Faro de Burela traballan con especies como a sardiña, a xarda ou agulla, sendo o produto estrela o bonito do norte, tamén coñecido como o Príncipe Azul de Burela, apostando por unha ampla variedade de presentacións: desde a tradicional así como outras como en paté, albóndegas, lombos, ventresca, migas e anacos. Isto, sumado á recuperación do método tradicional de envasado en cristal, o coidado por encima de todo da calidade da materia prima, dar a coñecer o "sabor a fresco" dos bos produtos en conserva permitiu potenciar a imaxe de un produto “galego de calidade”, sempre conxugando estes valores cun firme compromiso coa sustentabilidade medio ambiental que garanta o futuro dos recursos mariños.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 09/02/2024