A Xunta publica os criterios de distribución do fondo adicional do fondo de cooperación local destinado a concellos cunha poboación menor de 15.000 habitantes

O Diario Oficial de Galicia recolle a orde centrada no financiamento de obras de eficiencia enerxética en instalacións municipais, cunha dotación de 5 millóns de euros

Apóiase a aposta polas enerxías renovables nas caldeiras, a renovación de cubertas, e as melloras nas envolventes térmicas e na iluminación, entre outras

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que establece os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL), dirixido aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes. Trátase dunha dotación de 5 millóns de euros destinada a financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais.

A orde establece unha achega máxima de 60.000 euros por concello. A contía non poderá exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto. Os concellos interesados en optar ás axudas deben facer unha única solicitude correspondente a un proxecto, que pode incluír varias actuacións.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para facelo é de un mes a partir de mañá. Entre a documentación requirida figuran unha memoria explicativa da actuación e o proxecto, coa súa memoria, orzamento e planos a escala.

No que se refire aos criterios de valoración, terase en conta o destino das actuacións, con prioridade para as instalacións deportivas, así como para servizos educativos e sociais ou sanitarios. Tamén se valorará o tipo de investimento, con maior puntuación para a substitución de caldeiras baseadas en combustibles fósiles por outras alimentadas por enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores teranse en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.

Segundo recolle a orde publicada, o Fondo de Cooperación Local é o instrumento central de colaboración económica da Xunta coas entidades locais e ten como obxectivo garantir a suficiencia financeira dos concellos da comunidade. A través del regúlase un modelo estable de participación dos municipios nos orzamentos autonómicos.

Data de actualización: 14/02/2024