A Xunta anima a lanzar novos proxectos como o de a Toxa Re-vive a través dos GALP tras ser Galicia pioneira en aprobar estas iniciativas con fondos FEMPA

O Grove (Pontevedra), 16 de febreiro de 2024

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto A Toxa Re-vive da asociación Autismo BATA, que se realizou ao abeiro da estratexia do GALP Ria de Arousa. Esta iniciativa, dotada con máis de 83.180 euros de apoio da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), permitiu que a través da Formación Dual dirixida a persoas con autismo e/ou discapacidade intelectual se preparase a oito operarios para a recuperación e conservación do patrimonio marítimo- terrestre que farán traballos no monte central da Illa da Toxa.

Susana Rodríguez aproveitou a súa intervención para felicitar aos novos operarios, a asociación BATA e ao GALP, animándoos a que desenvolvan novos proxectos e destacando o acerto de apostar pola Formación Dual, na que se aprende traballando. Destacou que Galicia é a única comunidade autónoma coa primeira convocatoria de proxectos GALP aprobados ao amparo do Fempa, sinalando que foron un total de 66 proxectos os aprobados en 2023 nos que se mobilizaron preto de 5 millóns de euros e que xa presentan un grao de execución superior ao 12% de media. A directora xeral tamén puxo en valor iniciativas como Redogal, que permiten dar conta da presencia de especies foráneas na costa galega, e sinalou que a través dos grupos de acción local no sector pesqueiro se pode traballar na mellora da formación dos profesionais da actividade.     

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/02/2024