O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia recibiu máis dun millón de chamadas en 2023, o maior volume dos últimos sete anos

Recibíronse 1.042.053 chamadas, das que unha de cada catro acaba por converterse en incidencia

Os avances tecnolóxicos permiten aumentar a eficacia na xestión das emerxencias

A Estrada (Pontevedra), 24 de febreiro de 2024

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia atendeu máis dun millón de chamadas durante o 2023 (1.042.053), o rexistro máis elevado en sete anos. De feito, supón a interrupción da tendencia á baixa dos últimos exercicios propiciada, entre outros motivos, polo intenso traballo de concienciación da poboación no eido das chamadas maliciosas.

Factores coma a intensidade dos episodios de meteoroloxía adversa e as emerxencias derivadas destes inflúen directamente sobre o número de avisos recibidos no centro. Á súa vez, isto tradúcese nun incremento das incidencias xestionadas, que manteñen unha proporción similar ao ano 2022: unha de cada catro chamadas acaban por converterse en incidencia. Cómpre sinalar que, en moitos dos casos, diversos alertadores contactan para informar dos mesmos feitos.

Os rescates ou operativos de salvamento xestionados no 112 Galicia aumentaron considerablemente: 788, polos 755 do ano 2022. Esta repunta pon sobre a mesa a necesidade de seguir traballando para mellorar os sistemas de localización, nos que xa se lograron avances apoiados polas cifras: en 2023 produciuse un incremento das incidencias nas que se facilitaron as coordenadas (299), con números moi superiores a 2022 (97).

Por un lado, os operativos para rescatar persoas en situación difícil acadan o seu punto álxido durante os meses de verán, sobre todo en xullo (32) e en agosto (43). O mesmo ocorre coa localización de persoas desaparecidas, con xullo como mes destacado (13). Neste sentido, a Axencia Galega de Emerxencias traballa arreo na incorporación de novas tecnoloxías para a busca nestes casos. Desenvolvido especificamente para a Axencia, o proxecto DroneFinder é proba disto: combina intelixencia artificial e o uso de drons para a localización temperá de persoas extraviadas.

As incidencias nas vías de circulación, entre as máis numerosas

O pasado ano, os accidentes e outras incidencias relacionadas coas vías de circulación sumaron a cifra de 54.460, un 20 % das xestionadas no 112 Galicia. Este apartado inclúe tamén, entre outras casuísticas, a caída de árbores e postes de iluminación ou electricidade sobre a calzada, polo que se trata de tipoloxías que se multiplican durante os episodios de meteoroloxía adversa.

En canto aos accidentes, 8.696 saldáronse con feridos ou falecidos, mentres que en 13.053 non houbo que lamentar danos persoais. Á súa vez, 315 requiriron da excarceración dalgún dos implicados e, finalmente, en 24 dos casos algún dos vehículos transportaba mercadorías perigosas.

Igualmente destacables son tanto os escapes de gas como os incendios urbanos, que se concentran especialmente entre os meses de novembro e febreiro. Durante este período superáronse os sete incendios urbanos ao día na comunidade. Boa parte prodúcense en chemineas ou cociñas mal apagadas e poden ser rapidamente extinguidos polos propios particulares ou polos servizos de emerxencias mobilizados desde o CIAE.

O total anual de incendios urbanos reduciuse considerablemente (2.370, 120 menos que no 2022). As fugas de gas, pola súa banda, redúcense de 131 a 130. Pola contra, os incendios industriais rexistrados no 112 Galicia medraron: foron 172, 20 máis que o ano anterior.

As intervencións para as que foron mobilizadas as forzas da orde por cuestións de seguridade cidadá son as segundas máis repetidas, con 38.164, case 3.000 máis que durante o ano anterior, e as cuestións estritamente sanitarias representan un terzo das incidencias xestionadas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (83.404).

Finalmente, destacan tamén os avisos relacionados coa avespa velutina: as xestións para a retirada daqueles niños que representan un perigo real para a poboación foron máis de 12.000, a maioría delas concentradas nos meses de verán ­(máis de 9.000 entre os meses de xuño e agosto).

O E-Call, un sistema cada vez máis efectivo

De obrigada incorporación nos vehículos da Unión Europea desde hai un lustro, os condutores galegos están cada vez máis familiarizados con este sistema de aviso de emerxencias. No 2023 foron 244 os casos contabilizados no CIAE-112 Galicia, 48 deles falsas alarmas. A tendencia apunta a que o aumento sostido do número de incidencias desta tipoloxía vén acompañado dunha mellora considerable da precisión do sistema.

Deste xeito, no 2023 só unha de cada cinco incidencias que se rexistraron no 112 Galicia a través do sistema E-Call resultaron ser falsas alarmas; un 20 % que contrasta co 30 % do 2022 ou co 23 % e o 57 % de 2021 e 2020, respectivamente.

O GALI, un recurso en alza

O Grupo de Apoio Loxístico e Intervención, un recurso propio e especializado da Axencia Galega de Emerxencias, continúa aumentando o seu número de operativos en toda a comunidade galega. Durante o 2023 foise ata un total de 88, tres máis que no 2022 e case o dobre que no 2021, cando tiveron que participar en 46 operativos.

É destacable a súa colaboración na busca de persoas desaparecidas, para os que contan cun importante activo na súa Unidade Operativa de Drons. Tamén participan frecuentemente noutros tipos de emerxencias, como son, por exemplo, os incendios industriais ou as tarefas de achique en inundacións provocadas polas fortes chuvias.

Máis dun milleiro de persoas visitaron o 112 Galicia

Un total de 1.124 persoas pasaron polas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ao longo do pasado ano. Entre os colectivos máis destacados atópanse o estudantil e os membros dos servizos de intervención e doutros organismos que se nutren do traballo do centro.

Xunto con actividades como os simulacros, as visitas supoñen un intenso punto de contacto entre o 112 Galicia e a cidadanía, que ve reforzado o seu coñecemento sobre o mundo da prevención e das emerxencias, ámbitos nos que se fai especial fincapé desde as canles de comunicación social.

Data de actualización: 24/02/2024