A Xunta convoca a través da Academia Galega de Seguridade Pública cursos de reciclaxe de socorrismo acuático
Trátase de formación válida para a renovación da inscrición no ‘Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia’
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de tres edicións do curso enmarcado no plan de formación da Agasp para 2024
A Estrada (Pontevedra), 28 de febreiro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de tres edicións dos cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia. As accións forman parte do plan formativo da Academia dirixido a persoal socorrista de Galicia, do que xa se convocaron a semana pasada outros seis cursos para persoas interesadas en acceder á profesión. Das edicións convocadas hoxe, dúas están dirixida aos profesionais que desenvolven a súa actividade en instalacións acuáticas. Destas, unha celebraranse no concello da Estrada a mediados de marzo e outra no de Outeiro de Rei en xuño. A outra edición diríxese aos profesionais que desenvolven a súa actividade en espazos acuáticos naturais e terá lugar no concello de Sanxenxo na segunda quincena de maio. Todos os cursos teñen carácter presencial, 16 horas de duración e contan con 35 prazas cada un deles. As persoas interesadas en participar nestas accións formativas dispoñen desde mañá ata o 11 de marzo para formalizar a súa inscrición, que deberá facerse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.Centro formativo de referencia